Escoitar

O xurado do concurso admite as 17 propostas recibidas para a reforma da praza da Igrexa

O alcalde saudou este mércores no Concello ás persoas que conforman o xurado do concurso de ideas para a remodelación da contorna da Colexiata, que afecta a seis edificacións e que ten unha superficie de actuación de 760 metros cadrados.

mércores, 7 abr 2021

O xurado reuniuse por vez primeira este mércores e visitou a Praza da Igrexa no proceso de resolución do concurso de ideas convocado polo goberno municipal para reformar e reordenar seis edificios (números 6, 7, 8, 9, 10 e 11) desta "zona emblemática da cidade".

Abel Caballero informou da aceptación a trámite das 17 propostas recibidas, que nestes momentos se están abrindo e comezando a considerar coa previsión de que en dous anos estea terminada esta "obra tan importante nesta zona tan sensible da cidade, ao carón da Pedra, da Praza da Constitución ou da rúa Real", un proxecto que cualificou de "maduro" e que o Concello presentará aos fondos Next Generation EU.

O xurado está presidido por María José Caride, concelleira de Urbanismo, o secretario é o secretario municipal e como vogais están o Interventor, o Secretario da Xerencia e o Xerente de Urbanismo. Amais, actúan como vogais tres arquitectos designados pola Xerencia: Concepción Cameselle, Jose Luis Pereiro e José Manuel Búa; a xefa da área técnica da Xerencia; unha arquitecta designada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María Teresa Fernández Iglesias; dous arquitectos designados por el COAG: María González Ferro e Manuel Martínez Carazo e un técnico elixido polos concursantes.

O gañador do concurso recibirá 15.000 euros e redactará o proxecto de edificación e asumirá a dirección das obras; o segundo premio ten unha contía de 7.000 euros e o terceiro 5.000 euros.

O rexedor explicou que, unha vez resolto o concurso de ideas, o gañador ten catro meses para redactar o proyecto básico de execución, posteriormente, o Concello poderá iniciar a licitación das obras en seis meses e estima un prazo de seis meses para a ocupación dos terreos. A adxudicación das obras levará un prazo de catro meses e a execución das obras rondará os catorce meses.

Descargar todas as imaxes