O goberno de Vigo ultima o proxecto das escaleiras mecánicas da rúa Talude, que optará a fondos europeos
O Concello aceptou a doazón de terreos do Colexio Mariano, que permitirá ampliar a rúa Talude en case que dous metros, segundo informou este martes Abel Caballero. A cidade reserva 750.000 euros para a humanización da vía e construción de escaleiras mecánicas.
A Xunta de Goberno Local aceptou a doazón do solo por parte da Congregación das Franciscanas, trasladou este martes Abel Caballero, espazo correspondente ao Colexio Mariano que permitirá ensanchar a rúa Talude en case que dous metros unha vez sexa humanizada.
“Era importante ter unha doazón de solo para poder ampliar a rúa Talude, que salva un importantísimo desnivel, como o seu nome indica; necesitamos ampliala un pouco e o colexio nos cede unha parte do seu espazo”, valorou o rexedor vigués, quen recoñeceu publicamente a cesión.
Unha vez recibido o terreo, o goberno de Vigo está en condicións de aprobar o proxecto de remodelación e construción dunhas escaleiras mecánicas na rúa Talude, que conecta Urzáiz con San Roque e a parte alta da rúa Colombia. Ao efecto, o Concello reserva 750.000 euros e, tal e como adiantou o alcalde, presentará ante Europa este novo proxecto do “Vigo Vertical” para a obtención de fondos da Unión.
Cultura
O goberno local tamén deu luz verde a dúas subvencións á entidades do ámbito musical, para apoialos na súa actividade deste ano a través de sendos convenios de colaboración. En primeiro lugar, Caballero comunicou a decisión de transferir 9.000 euros á Asociación de Música Clásica para a organización da quinta edición do concurso Festival Internacional de Piano “Cidade de Vigo”.
“Estamos satisfeitos. Temos un premio internacional de violín, temos un premio internacional de piano e en consecuencia seguimos collendo corpo no desenvolvemento cultural tan importante da cidade, que está no nivel máis importante que tivo nunca na súa historia”, asegurou o alcalde.
“E nesta liña”, engadiu, o goberno vigués aprobou en segundo lugar o apoio á Fundación Coral Casablanca con 27.500 euros, entidade que celebrará unha decena de concertos en distintos emprazamentos, como o Náutico, o teatro Afundación, Cabral ou a parroquia do Rocío. “Subvencionamos á Coral Casablanca en máis do 50% dos seus ingresos”, indicou Caballero, “e polo tanto o seu funcionamento descansa de forma central no convenio e na subvención do Concello de Vigo. Outra mostra máis de desenvolvemento cultural da cidade, porque nunca na historia tivo a Coral Casablanca tanto apoio desde o Concello como ten neste momento”.
Ludoteca de Coruxo
Por último, o alcalde comunicou a validación do convenio co CRAC de Coruxo para levar adiante o seu programa de dinamización infantil e xuvenil, dirixido a nenos e nenas de entre seis e trece anos, para o que a administración local achega 24.500 euros. Acollido habitualmente polo CEIP Tintureira, as circunstancias actuais motivaron o traslado da actividade ao torreiro das festas de Fragoselo.
O Concello, recordou Abel Caballero, ademais sostén economicamente as ludotecas de Lavadores e a inclusiva de APAMP no Calvario, cun financiamento municipal de 28.000 euros e de 24.500 euros, respectivamente.