Escoitar

Constitución da nova Corporación municipal

O pleno de constitución da nova Corporación e elección do alcalde celébrase o sábado 14 de xuño a partir das doce do mediodía no auditorio do Concello, habilitado para a ocasión como sala de plenos.

venres, 13 xuñ 2003
Como marca a lei, formarase en primeiro lugar a mesa de idade que dirixirá a sesión, integrada polos concelleiros electos de maior e menor idade que serán Agustín Arca Fernández e Mauricio Ruiz Ceniceros asumindo a presidencia da mesa o membro de máis idade. A mesa comprobará as credenciais presentadas coa certificación remitida ó Concello pola Xunta Electoral de Zona.

A sesión continuará co xuramento ou promesa ó seu cargo mediante a fórmula legalmente prevista de acatamento á Constitución. Constituida a Corporación, formada por 27 membros, 10 do PP, 8 do PSdG-PSOE, 7 do BNG e 2 de PROVI, determinarase o sistema de votación para a elección do alcalde. Proclamaranse os candidatos á Alcaldía e os voceiros dos distintos partidos políticos poderán dispoñer, se así o desexan, dun turno de palabra para expoñer o seu programa de goberno.

A continuación procederase á elección do alcalde da cidade polos concelleiros e concelleiras que posteriormente prometerán ou xurarán o cargo, entregándolle despois ó presidente da mesa o bastón de mando.