Escoitar

Comerciantes de Pintor Laxeiro impulsan a ampliación de beirarrúas en colaboración co Concello

O concelleiro en funcións Uxío González reuniuse con comerciantes de Pintor Laxeiro que achegaron 10.500 euros para realizar obras de humanización no último tramo do vial co fin de revitalizar esta zona.

xoves, 12 xuñ 2003
González sinalou que con esta actuación se prevén ampliar as beirarrúas catro metros, colocar árbores e bolardos co fin de estender o modelo de humanización da área do contorno. A contribución económica dos comerciantes destinarase á man de obra.

O edil amosouse satisfeito co resultado da proposta dos comerciantes, que se mostraron agradecidos pola boa acollida do Concello á súa iniciativa de recadar fondos para sufragar parte dos gastos derivados das obras.

O representante dos comerciantes e veciños da zona Rafael Sanmartín destacou que hai ano e medio naceu a idea de humanizar este lugar, xa que era unha rúa sen saída colapsada por vehículos estacionados en dobre fila, co fin de revitalizar o comercio e darlle primacía aos peóns. No proxecto prevese a reducción a dous carrís de circulación e a ampliación das beirarrúas. O tratamento que se aplicará será semellante ao do contorno da igrexa do Carme e da praza de Independencia.

Este sistema de participación de comerciantes e residentes con aportacións económicas abre a posibilidade de estenderse a outros lugares onde existan interesados en humanizar determinadas zonas que redunden no beneficio dos cidadáns.