Abel Caballero defende o papel das entidades locais na saída da crise: “Europa agarda a acción local”
O alcalde de Vigo e presidenta da FEMP reitera que as comunidades autónomas teñen que axudar aos sectores afectados como hostalería e comercio: “O que pecha, paga”.
O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, asegurou este mércores que as dez políticas transformadoras do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía española están nas cidades: “Os proxectos teñen que ser transformadores de fondo, teñen que ser maduros e teñen que xerar emprego. E estas tres grandes claves cúmprenas os proxectos que temos nos municipios e nas cidades. Nós xa temos en marcha grandes proxectos transformadores das nosas cidades. Europa agarda polo local”.
Caballero, que interviu nun coloquio online organizado por Executive Forum, considera que as dez pancas da recuperación, entre elas a Axenda Urbana e Rural, infraestruturas e ecosistemas resilientes, transición enerxética, unha nova administración para o século XXI ou o pacto pola ciencia e a innovación, teñen o seu eixo central nas cidades. “Os catro ámbitos da transición ecolóxica, a transformación dixital, a igualdade de xénero e a cohesión social e territorial plásmanse nas cidades e plásmanse de forma moi importante na cooperación desde as cidades co sistema privado. As corporacións locais vertebramos España, temos formas comúns de entendela, e atendemos problemas comúns”, sinalou.
O presidente da FEMP referiuse así mesmo ao financiamento europeo e pediu unha reflexión colectiva sobre o destino de determinadas partidas previstas en exclusiva para as Comunidades Autónomas para facer fronte a gastos sanitarios ou de educación e tamén política social, atención á hostalería e ao comercio. “Os Concellos atopámonos con que os fondos europeos React UE van ás CCAA en exclusiva e isto preocúpanos porque hai CCAA, como a miña, que pretenden que os concellos paguemos a metade das indemnizacións á hostalería, aos autónomos, e ao pequeno e mediano comercio, e mentres eles fano con fondos europeos, nós teremos que recorrer aos fondos municipais. Por tanto, os fondos de Europa teñen que chegar directamente ás Entidades Locais”.
Abel Caballero, que sinalou que esta situación pode supoñer a ruptura da forma de entender a lealdade constitucional, explicou que “as corporacións locais non cuestionamos as decisións de sanidade, pero hai un principio fundamental: o que pecha paga. E se unha CCAA, o sistema sanitario, decide que é preciso pechar a hostalería polo ben común, hai que indemnizalos. E quero dar a miña opinión, se a hostalería recorre nos tribunais seguramente gana, porque é o conxunto da sociedade o que ten que facer fronte a ese custo”.