O goberno local traballará cos comerciantes na promoción do valor do comercio local
O alcalde mantivo un encontro este mércores cunha representación de Vigo Comercio, que aglutina a comerciantes do Calvario, Bouzas, Torrecedeira, Teis, Zona Náutico e Zona Centro, e que lle presentaron cinco propostas de colaboración co obxectivo de incentivar o consumo nos establecementos asociados da cidade.
Na reunión celebrada no Concello participaron o presidente de Vigo Comercio, Roberto Giráldez; o vicepresidente, Rubén Pérez; o xerente, Raúl Fontán; o secretario, Carlos Acuña, e o representante da Zona Centro, Anxo Méndez, que abordaron con Abel Caballero o desenvolvemento dunha campaña de marketing promovendo o consumo no comercio local “porque se beneficia Vigo, a calidade é moi boa e os prezos moi bos”.
Entre as propostas de colaboración co goberno municipal para incentivar o consumo local está a confección de bolsas e máscaras protectoras con lemas que incentiven a compra no comercio local de Vigo, a organización de microconciertos nos barrios, a posibilidade de que o bus turístico vaia a tódalas zonas, a realización de campañas de fidelización de comercio ou retomar a celebración da gala do comercio de Vigo “como forma de lanzar á cidade a súa importancia” de xeito que a cidadanía poña en valor o papel do comercio na vida viguesa.
Ademais, o rexedor e Vigo Comercio trataron a participación do comercio local na plataforma de venda online na que está traballando o Concello e que “vai ser moi importante” e de uso gratuíto. Amais, avanzaron na preparación da campaña de verán, supeditada á evolución da situación epidemiolóxica, e Caballero trasladoulles que, se a pandemia o permite, “imos ter unha campaña de Nadal excepcional”.
O alcalde valorou o encontro como “construtivo; seguiremos xuntos” traballando e anunciou que convocará unha xuntanza coa hostalería porque o goberno municipal “ten preparado o plan de reactivación” trasladándolle aos comerciantes que os negocios hostaleiros pechados “deben ser indemnizados pola Xunta de Galicia”.