Escoitar

Caballero lamenta os obstáculos da Xunta á mellora da iluminación do Monte de A Guía

O alcalde avanzou esta mañá a súa vontade de volver a enviar a Patrimonio a iniciativa para renovar a iluminación do Monte de A Guía, unha vez que o departamento autonómico cuestionou o proxecto en base a criterios subxectivos. Caballero afeou á Xunta que rexeite neste espazo o modelo de luminaria que si autorizou no Parque de Castrelos, unha zona BIC, con moito maior grado de protección patrimonial.

luns, 15 feb 2021

O Concello ten en marcha a mellora da iluminación do Monte de A Guía cun orzamento aproximado de 400.000 euros para renovar, reducir o consumo e mellorar a eficiente enerxética dos puntos de luz do alumeado público. O proxecto prevé a substitución de 55 puntos de luz aos que sumará a retirada de 19 báculos no tramo inicial da subida onde se instalarán puntos de luz de tipo viario. Na parte alta do monte e no contorno da capela, substituiranse os 36 farois de catro metros, por 37 puntos de luz modernos, pero mantendo a estética clásica -a mesma que se vai implantar no parque de Castrelos. Como obras necesarias para o correcto funcionamento da rede de alumeado do vial, tamén se renovarán 1.500 metros de canalización e 2.800 metros de liña eléctrica. Ao mesmo tempo, o Concello prevé renovar o alumeado do palco do Monte de A Guía e o alumeado ornamental da capela.

Segundo aclarou o rexedor, esta actuación precisa de autorización de Patrimonio porque se desenvolve na Ermida da Nosa Señora das Neves, un ben que conta cun grado de protección integral, menor que o establecido no Parque de Castrelos, que é un BIC. Na súa opinión, a Xunta está tratando de paralizar a renovación desta iluminación con criterios subxectivos, dixo, reproducindo un parágrafo do informe de Patrimonio: “... o novo modelo de luminaria deberá integrarse adecuadamente no lugar, presentando un deseño sinxelo e contemporáneo que fuxa de imitacións formais de modelos clásicos”. Caballero enfatizou a falta de coherencia da Xunta que autoriza en Castrelos -zona cun nivel de protección máximo -unhas luminarias que rexeita para A Guía, cun “nivel de protección infinitamente menor”.

O alcalde avanzou que o Concello enviará de novo o proxecto para a súa validación e advertiu á Xunta que non descarta acudir aos tribunais se non se cumpre a lei para o que hai que “fuxir de apreciacións subxectivas” en referencia ao informe emitido por Patrimonio. Acusou á Xunta de volver a facer “política como xa fixo coa negativa a autorizar as ramplas da Gran Vía”.

Cidade da Xustiza

Por outra banda, o alcalde urxiu á Xunta de Galicia celeridade nas obras da nova Cidade da Xustiza que se está a acometer no vello edificio do Hospital Xeral. Segundo avanzou Abel Caballero, o Goberno galego anunciara o fin da obra para o ano 2019, pero a día de hoxe continúan as obras sen que se coñeza a data de remate final.