Escoitar

O Concello propón unha escola infantil permanente no edificio municipal do colexio “Picacho”

Abel Caballero reclama á Xunta de Galicia a devolución da parte baleira do inmoble cedido polo Concello para o CEIP Ramón y Cajal, onde o goberno vigués prevé habilitar un novo centro de cero a tres anos, permanente e que ademais acollería provisionalmente aos usuarios da escola de Santa Marta mentres duren as obras do Barrio do Cura. Sería a décima gardería municipal da cidade.

luns, 15 feb 2021
Abel Caballero amosou o acordo de cesión do edificio municipal para uso educativo
Abel Caballero amosou o acordo de cesión do edificio municipal para uso educativo

O alcalde, Abel Caballero, lanzou hoxe luns unha nova proposta educativa á Xunta de Galicia para ampliar a rede de escolas infantís municipais e solucionar ao tempo a necesidade de trasladar provisionalmente aos usuarios da escola infantil Santa Marta, no Casco Vello, que deberá ser derrubada polo avance dos traballos de Barrio do Cura, unha promoción urbanística que á súa vez construirá e cederá ao Concello un novo espazo para a escola infantil.

Segundo explicou Caballero en rolda de prensa, o edificio que ocupa o CEIP Ramón y Cajal é de propiedade municipal e foi cedido á Xunta de Galicia a efectos educativos, e actualmente “a metade” está baleiro: 114 prazas ocupadas das 225 ofertadas. Así, a alternativa do Concello é recuperar a parte non utilizada polo colexio e habilitar alí unha escola infantil municipal permanente, que ademais sería “moi bo” para o “Picacho” xa que posiblemente aumentaría a súa matrícula acollendo estudantes da escola municipal.

“É unha decisión firme que vou comunicar á Xunta e deles dependerá”, afirmou o alcalde, quen denunciou que a Xunta trasladou o venres a súa negativa antes de coñecer os informes técnicos. Ante esta “decisión política” e non técnica da autonomía, Abel Caballero anunciou que acudirá aos tribunais se a resposta oficial da Xunta é desfavorable.

Recordou o rexedor vigués que o derrubo da actual escola de Santa Marta é “obrigado” pola “seguridade” dos nenos e nenas e que non existe outro emprazamento municipal no centro da cidade onde prestar este servizo educativo. Abel Caballero recordou que no 2007 o Concello contaba con catro escolas de cero a tres anos e, baixo o seu mandato, a cidade abriu catro novos centros (Mestres Goldar, Tomás Alonso, Bouzas e Navia) e inaugurará en setembro un quinto en Bembrive. De conseguir a devolución de parte do edificio do “Picacho”, o Concello sumaría unha décima escola infantil municipal.

Descargar todas as imaxes