O Concello reclama á propiedade do edificio de Areal a súa demolición desde hai 10 anos
A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou este venres que o goberno municipal concedeu a licenza de demolición aos propietarios en xullo de 2020, cando recibiron a autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia logo de oito anos de procedemento coa administración autonómica.
Segundo expuxo a cuarta tenente de alcalde, o edificio está catalogado e conta con nivel de protección ambiental polo que calquera intervención require un informe favorable por parte de Patrimonio da Xunta de Galicia, que tardou oito anos en emitilo. Nese tempo, a propiedade presentou diferentes proxectos ante Patrimonio para executar a demolición pero a autorización non chegou ata xullo do ano pasado.
O goberno municipal concedeu entón a licenza de demolición da edificación, sendo responsable a propiedade do mesmo “que non a acometeu”. Explicou María Xosé Caride, que unha vez coñecido o proxecto de demolición, o Concello xa podería actuar de forma subsidiaria no caso de que a propiedade non asumira a súa obriga.
Ante a pasividade “da Xunta de Galicia e os propietarios” o Concello incorporou o inmoble no primeiro programa de edificación forzosa de Vigo, unha incorporación recorrida pola propiedade e cuxa sentenza chegou o 28 de xaneiro de 2021 “informando que existían razóns fundadas para que o Concello interviñera e incorporara ao programa” este edificio.
Así as cousas, a concelleira de urbanismo apunta que “a propiedade debe desenvolver de xeito inmediato esa demolición e se non actúa executaremos a actuación subsidiaria e incorporarémolo de forma extraordinaria no programa. Se atende ás súas obrigas, obviamente, continuaremos o proceso de rehabilitación dun edificio protexido”, engadindo que o Concello leva dez anos reclamando á propiedade do edificio que garanta a súa estabilidade.
Ademais, María Xosé Caride expuxo que o Concello abriu un expediente disciplinario para determinar con que tipo de autorización se está exercendo actividade deportiva nunhas instalacións que aparecen anexas á propiedade derrubada e que non contan con permiso municipal.