Escoitar

A Fundación Laxeiro acolle a mostra ”Transversais. Visións fronteirizas da fotografía en Galicia”

xoves, 24 mai 2001
imx260.jpg
O bo exemplo (Alberto Varela)
A exposición exhibe máis de 50 obras que ofrecen unha dimensión inédita do que representa historicamente a fotografía en Galicia. Os artistas seleccionados realizaron un proceso de experimentación e de interferencias con outras prácticas artísticas como a pintura, o vídeo, a escultura ou as novas tecnoloxías.

Con esta mostra, o Centro Galego das Artes e da Imaxe e a Fundación Laxeiro queren incentivar o debate sobre a evolución da fotografía ”superando posicións históricas de carácter documentalista e fotoxornalista”, segundo explicou o comisario da mostra, Xosé Luís García Canido. ”Utilízase a fotografía como fronteira, mesturándose con outras disciplinas e linguaxes”, sinalou.

O concelleiro de Cultura, Carlos G. Príncipe, indicou que con esta exposición, Vigo é, sen dúbida, a cidade máis importante da arte contemporánea. ”Vigo ten que ser o lugar de cruce, de vangarda e de encontro das novidades no ámbito da creación cultural do país”, afirmou Príncipe.

Con esta mostra, localizada na Fundación Laxeiro, deféndese, por un lado, a memoria do legado do artista e, por outro, ábrenselles as portas ós grandes mestres do século XXI, como unha plataforma para as novas creacións.

A Fundación Laxeiro principia, deste xeito, unha serie de actividades en colaboración con outras institucións culturais de Galicia. Esta liña procura establecer canles de comunicación e provocar sinerxias interinstitucionais que redunden no beneficio dunha maior calidade programática e nunha multiplicación de recursos.

Artistas participantes

Xoán Anleo
Vicente Blanco/Salvador Cidrás
Vari Caramés
Tono Carbajo
Carlos Nieto
Simón Pacheco
Alberto Varela Ferreiro
Manuel Vilariño


Lugar e datas

Fundación Laxeiro (rúa Policarpo Sanz, 15, 3º)
Inagúrase o 25 de maio, ás 20:00 horas, e clausúrase o 15 de xullo.
Descargar todas as imaxes