Escoitar

O Consello da Xerencia aproba o convenio do asilo de Pi i Margall

xoves, 24 mai 2001
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou, cos votos do BNG e o PP e a abstención do Psoe, a proposta de convenio urbanístico a subscribir polo Concello coa Congregación de Hermanitas de los Ancianos Desamparados. O Convenio, unha vez ratificado polo Pleno da Corporación, incorporarase ao documento de avance do Plan Especial de protección e reforma Interior do Casco Vello.

No convenio establécese a posibilidade de construír un inmoble na parcela do Asilo con forma escalonada, para non obstaculizar as actuais vistas dende o paseo de Alfonso. Tamén se prevé a construcción de aparcamentos e unha cesión de prazas ao Concello que se porían a disposición dos residentes do barrio. Ademais, a ordenación inclúe a construcción dun miradoiro de 83 m2 no paseo de Alfonso.

O outro convenio que figuraba na orde do día do Consello da Xerencia, o relativo á Unidade de Actuación “Panificadora”, non foi debatido para que os grupos municipais dispuxesen de máis tempo para o seu estudio.

O Consello tamén adoptou o acordo de suspender a concesión de licencias no núcleo 12.06 Hermida, en San Miguel de Oia, para redactar o correspondente Peri. Así mesmo autorizouse a un particular a realizar o traballo de redacción do Peri 12.01 C Estomada, en San Miguel de Oia. O documento deberá presentarse como avance no Consello da Xerencia para a súa aprobación e o custo do traballo correrá a cargo do particular.