O goberno de Vigo aproba o proxecto para estender a humanización de Gregorio Espino ata a rúa Merlo
O orzamento municipal ascende a 1,6 millóns para acometer unha nova fase da remodelación da Avenida, a cuarta, desde a rúa Águia ata a rúa Merlo. O alcalde destacou que a obra -que se prolongará durante dez meses- renovará as canalizacións de servizos, deixará beirarrúas de seis metros de ancho e ampliará o o arborado e as xardineiras.
A Xunta de Goberno Local aprobará este xoves o proxecto dun novo tramo da humanización da Avenida do alcalde Gregorio Espino, neste caso o espazo comprendido entre os cruces coas rúas Águia e Merlo, algo máis de 200 metros de lonxitude aos que o Concello prevé adicar ata 1,6 millóns de euros.
A cuarta fase da humanización da Avenida presenta un prazo estimado de dez meses de obras, segundo informou este mércores o alcalde en rolda de prensa, e manterá os dous carrís de circulación por sentido, a mediana e vinte dous prazas de aparcamento, ademais de finalizar con beirarrúas de granito de seis metros de ancho.
Entre as características principais da obra, Caballero subliñou a renovación das redes de iluminación con 25 puntos de luz LED, novas canalizacións de abastecemento, rego, semaforización e saneamento, a conservación de trece árbores existentes e a plantación doutros tantos exemplares, xardineiras, papeleiras e oito bancos.
“Estamos acabando a humanización de Gregorio Espino -indicou o alcalde-; queda só un tramo final para chegar á estación de autobuses, que iniciaremos tan pronto rematemos esta”. Unha vez concluída á reforma de toda a Avenida, a previsión do Concello, trasladada polo alcalde este mércores, é mellorar a mediana con vexetación e arborado e comezar a humanización das rúas transversais a Gregorio Espino.