O goberno local lanza as axudas para instalar ascensores e iluminar edificios históricos
A Xerencia de Urbanismo celebrada este martes tomou coñecemento das resolucións municipais de inicio dos expedientes para subvencionar a iluminación de inmobles catalogados e a colocación de elevadores e mellorar á accesibilidade en edificios antigos, ambas convocatorias correspondentes ao presente ano, informou Abel Caballero.
O goberno de Vigo activa os programas de axudas económicas para a iluminación ornamental de edificios históricos e para emprazar ascensores e mellorar a accesibilidade en inmobles antigos. Urbanismo deu conta ante o Consello da Xerencia celebrado este martes da incoación de ambos expedientes, segundo comunicou o alcalde en rolda de prensa.
No tocante á iluminación, Caballero explicou que as subvencións se resolven por concorrencia competitiva e poderán optar aqueles propietarios que executen estes traballos ata o 31 de outubro nalgúns dos 298 inmobles catalogados co grao de protección monumental, integral e estrutural, incluídos en tres ámbitos de protección da cidade: o Casco Vello (que conta con 140 propiedades), o casco histórico de Bouzas (69 edificios) e o Ensanche (con outros 87).
O obxectivo municipal é poñer en valor o patrimonio arquitectónico vigués, resaltando os elementos importantes das fachadas e respectando en todo caso ao entorno e á veciñanza. O alcalde citou o exemplo do proxecto de iluminación do Moderno, en Policarpo Sanz 1, subvencionado polo Concello con case que 9.000 euros na convocatoria do pasado ano. A liña deste 2021 operará seguindo as mesmas bases e presenta un orzamento de 20.000 euros, ampliable en función da demanda, segundo afirmou Caballero.
Sobre elevadores e accesibilidade, o goberno de Vigo prolonga neste 2021 as axudas económicas -tamén en réxime de concorrencia competitiva- para facilitar a instalación de ascensores, mellorar a accesibilidade e eliminar barreiras arquitectónicas en edificios residenciais colectivos. Nos últimos anos o Concello concedeu subvencións por valor de 150.000 euros, afirmou Caballero.
O destino deste programa son “vivendas de tres, catro, cinco pisos que non teñen ascensor”, argumentou o alcalde, pisos habitados fundamentalmente por mulleres de idade que xa “non poden subir as escaleiras” ao volver ás súas casas, polo que pasan tempo sen saír, unha situación que “non quero tolerar”. Nesta liña, o goberno que encabeza aprobou o pasado mes de decembro a ordenanza que regula a instalación de elevadores tamén en fachadas, ademais de continuar con este programa anual de subvencións.
Amais, e de cara a unha reunión telemática que celebra este mesmo martes con responsables do Ministerio de Transportes e Axenda Urbana, Abel Caballero anunciou que na entrevista “vou pedir fondos europeos tamén para isto”, introducindo esta casuística nos supostos recollidos dentro da rehabilitación de edificios, para obter máis fondos, aumentar a contía das axudas e facer que estas obras sexan máis accesibles en termos económicos.