Escoitar

O Concello pechou o 2020 abonando 48,9 millóns e nun prazo de sete días en decembro

Case que 49 millóns de euros pagados no último trimestre do pasado ano e cerrar o 2020 con sete días para abonar as facturas aos provedores. Son as principais liñas do informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pago das obrigacións, presentado este mércores no Pleno polo concelleiro de Facenda.

mércores, 27 xan 2021

Jaime Aneiros salientou que, cun prazo medio de pago de sete días en decembro, Vigo sitúase como o concello español que antes abona as súas facturas, o que permite “dar liquidez” ás empresas, “evitar tensións de tesourería” e apoiar o mantemento do emprego, en particular nun contexto socioeconómico definido polo COVID.

Nunha sesión mixta -con corporativos presenciais e outros seguindo o Pleno de forma telemática-, o concelleiro de Facenda comparou os sete días de Vigo cos 21 da cidade de Madrid, os 20 da Coruña, os 27 de Santiago e de Pontevedra e os 82 da urbe de Ourense, e rexistrando Vigo un volume de pagos que ascende a 48,9 millóns de euros nos últimos tres meses do ano. Aneiros puxo en valor que o Concello fai fronte ás necesidades ordinarias da cidade e tamén ás extraordinarias derivadas do Covid sen contar con achegas da Xunta, quen á súa vez si recibe fondos específicos do Goberno de España.

Todos os grupos políticos con representación municipal valoraron a celeridade nos prazos de pago do Concello de Vigo. O edil non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, recoñeceu a “axilidade” no pago e preguntou ao Concello por outras cuestións relacionadas co orzamento, como as medidas a adoptar para completar a execución das contas, os proxectos que Vigo prepara para presentar a fondos europeos e se prevé algunha modificación orzamentaria con cargo a remanentes para afrontar as consecuencias socioeconómicas do coronavirus. O voceiro de Marea, Rubén Pérez, cualificou de “moi bo” o prazo de pago vigués e eloxiou o “exemplo de redución” dos tempos das entidades locais comparado coa “incapacidade” das autonomías e alertou dunha execución orzamentaria máis baixa no 2020 que no 2019. O edil do PP, Alfonso Marnotes, afondou nunha suposta “inexecución” das contas municipais que amplían anualmente os remanentes do Concello, e indicou que “só faltaba” que o Concello non pagase pronto aos provedores tendo os aforros que ten.

Na quenda de peche, o concelleiro de Facenda argumentou que o prazo de pago de sete días “responde a unha dirección política clara” de apoio á economía e ao emprego, e asegurou que, pese aos os case que cen días de estado de alarma da primavera de 2020, os pagos ascenderon a 138 millóns de euros, o que amosa para Aneiros que “o orzamento se executa e cumpre coas necesidades ordinarias e extraordinarias” da cidade, das súas empresas e dos seus cidadáns, causadas pola pandemia.