O Concello soluciona o problema da calefacción do colexio Otero Pedrayo e reclama á Xunta 40 millóns para os centros escolares de Vigo
O Concello de Vigo arranxou o problema da calefacción do Colexio Otero Pedrayo tras substituír unha peza da vella caldeira. Abel Caballero informou este martes de que o grupo municipal socialista pedirá no Pleno da Corporación que a Xunta de Galicia invista 40 millóns en 4 anos para solucionar os problemas existentes nos centros escolares da cidade.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este martes en rolda de prensa que xa está solucionado o problema da calefacción do Colexio Otero Pedrayo tras recibir a nova peza que estaba avariada. O rexedor lembrou que a antigüidade da caldeira fai necesaria a súa substitución íntegra por parte da Xunta de Galicia, administración competente en materia de Educación.
“Non inviste nada, ten os colexios abandonados, non atende aos centros escolares”, sinalou Caballero antes de adiantar que no Pleno da Corporación deste mércores o grupo municipal socialista levarán unha moción para solicitar á administración autonómica un investimento de 40 millóns a catro anos vista nos centros vigueses.
O alcalde lembrou que a súa chegada á Alcaldía propuxo á Xunta levar a cabo un investimento nos colexios, pero non obtivo resposta. “Xa avanzo que non chegan 40 millóns, é escaso, a Xunta tería que seguir adicando novos investimentos en cuatrienios”, sinalou.
Caballero explicou que a calefacción do Otero Pedrayo ten 45 anos. “A caldeira e o queimador son do Paleolítico Superior, tivemos que ir buscar a peza a Italia, unha peza de museo, hoxe funciona pero o alumnado pasou frío e a calefacción ten que cambiala a Xunta. Pasou o mesmo no Escultor Acuña e xa arranxamos a avaría, pero é imprescindible que se faga unha reforma xeral”, sinalou.
Servizo de Axuda no Fogar
O alcalde tamén informou da moción do grupo socialista instando á Xunta de Galicia a que incremente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar que atende en Vigo a 987 persoas, fundamentalmente mulleres dependentes de avanzada idade.
A achega actual da Xunta, segundo explicou, non aumentou desde o ano 2012 e tan só chega a 9,7 euros/hora, cando na actualidade o custe é de 16,69 euros/hora. Abel Caballero destacou que o incremento supuxo un gasto de 1,5 millóns de euros asumido integramente polo Concello de Vigo.
Semáforo na Avenida de Galicia
Ademais, o Pleno da Corporación tamén debaterá sobre a moción do grupo municipal socialista instando á Xunta de Galicia a semaforizar de forma urxente o cruce da Avenida de Galicia co Camiño Cascalleira para evitar accidentes e situacións de perigo que se repiten a diario.
Recheos na Ría de Vigo
Igualmente, o rexedor avanzou que no Pleno instará á Autoridade Portuaria de Vigo a paralizar calquera iniciativa que supoña novos recheos, así como a realizar estudios das diferentes actividades que permita comprobar cales precisan estar na terminal de Bouzas e as que poidan estar en calquera outro polígono industrial da cidade.