Escoitar

O Goberno de Vigo remodela a praza interior de Rivera Atienza con 50.000 euros

“A obra mereceu a pena, a zona cambiou radicalmente”, comentou este luns Abel Caballero, logo de visitala. O espazo conta agora con céspede natural, área de xogos tradicionais, iluminación LED e novo mobiliario urbano, a disposición tamén das entidades con locais cedidos polo Concello: Afaga, Asem Galicia, Parkinson Vigo e Érguete.

luns, 25 xan 2021
De esquerda a dereita, Pablo Estévez, Ángel Rivas, Abel Caballero e Juan Carlos Rodríguez
De esquerda a dereita, Pablo Estévez, Ángel Rivas, Abel Caballero e Juan Carlos Rodríguez

O goberno local vén de transformar o espazo interior de Rivera Atienza cun investimento próximo aos 50.000 euros. Abel Caballero inaugurou este luns a remodelación xunto ao presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, e aos concelleiros Pablo Estévez e Ángel Rivas.

O Concello acometeu varias melloras na zona, como a reparación do falso teito, dos pavimentos de acceso á praza e o arranxo e pintado de piares e paredes, e instalou céspede natural, 21 puntos de luz LED e novo mobiliario urbano. En paralelo, o espazo presenta agora áreas para horticultura, xardinería e xogos tradicionais, como a chave ou a petanca.

Abel Caballero subliñou que a reforma beneficiará aos usuarios das asociacións que teñen a súa sede nos locais municipais de Rivera Atienza, caso de Afaga (a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia), Asem Galicia (a Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares), Érguete e a Asociación Parkinson Vigo. Estas entidades “fan un gran traballo” e “seguiremos apoiándoas en forma continua”, en verbas do rexedor, quen detallou que, ademais dos locais, o Concello achega case que 20.000 euros a Afaga, 51.000 euros a Érguete, e 1.500 euros a Asem Galicia e á Asociación Parkinson Galicia da convocatoria pública que tramita a través o departamento de Benestar Social.

Descargar todas as imaxes