O Concello pagou en 7,5 días a provedores no mes de decembro de 2020
O alcalde sinala que “somos os pagadores máis rápidos de España” ao aboar as facturas nun período dunha semana logo de presentala. Este dato avala para o rexedor o “bo sistema e a boa estrutura” municipal nesta área entendendo a importancia da economía da cidade.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación este luns, Caballero informou do período de pagamento rexistrado no pasado mes de decembro que se situou en 7,49 días desde que o provedor presenta a súa factura “unha marca histórica” en toda España.
“Canto antes paguemos máis facilitamos a actividade económica de provedores, empresas… isto é axudar á economía”, apuntou o alcalde, que detallou que no remate do exercicio de 2020 o Concello tiña aboados case 49 millóns de euros correspondentes aos meses de outubro, novembro e decembro en case 3.000 operacións realizadas.
Caballero puxo en valor o traballo do goberno municipal no pronto pago aos seus provedores por ser a administración “máis rápida” das 10.000 entidades de pago que hai en España e referiuse a outras cidades españolas como Madrid, que paga en 21 días de media, Pontevedra ou Santiago con 27 días, Córdoba con 38 ou Las Palmas de Gran Canaria que aboa as súas facturas en 135 días.