Escoitar

O goberno de Vigo inviste 51.425 euros na instalación dun practicable de ximnasia acrobática na ETEA

O novo pavimento de alto nivel técnico permitirá que os deportistas practiquen “ao máis alto nivel de Europa” segundo apunta o rexedor. Amais, o pavillón da ETEA estrea unha pista de esgrima adaptada para poder adestrar en cadeira de rodas.

venres, 22 xan 2021

Abel Caballero visita este venres o pavillón polideportivo da ETEA onde o goberno municipal vén de instalar un practicable de ximnasia acrobática cun importe de 51.425 euros.

Trátase dun pavimento brando que reúne as condicións técnicas precisas para esta práctica deportiva e que converte á ETEA nunha das mellores instalacións ao contar con dous practicables, xa que se manterá o anterior para ofrecer máis capacidade, permitindo que os ximnastas adestren “ao máis alto nivel de Europa”, tal e como apunta o rexedor. O Club Flic Flac e os seus arredor de 400 deportistas “de altísimo nivel” serán os principais usuarios do novo solo.

Amais, o Concello instalou no pavillón da ETEA unha pista para esgrima adaptada, con ancoraxes, marcadores e tódolos dispositivos necesarios para a práctica de esgrima en cadeira de rodas e que tivo un custo de 9.124 euros.