Caballero acepta para Vigo os dous modelos propostos de axudas á hostalería
O alcalde considera “imprescindible” a indemnización ao sector hostaleiro da cidade e concorda coa idoneidade de aplicar os criterios que contempla tanto o modelo Valencia como o proposto polas deputacións galegas: a achega do 1% do orzamento de cada administración.
“Vigo acepta o modelo Valencia e tamén o modelo das deputacións, tramitado sempre polos municipios”, que é a administración máis próxima, sinalou o rexedor este martes en rolda de prensa. Así, reclamou á Xunta de Galicia que “envíe os recursos e procederemos a abrir a convocatoria e asignar as axudas”, malia que dubidou da vontade do goberno autonómico de “querer cooperar”.
O alcalde expuxo que o modelo Valencia é “absolutamente aceptado por Vigo” supoñendo que a comunidade autónoma achegue o 62,5% das axudas, as deputacións o 22,5% e os municipios o 15% do total das indemnizacións ao sector hostaleiro. Os concellos serían os responsables de tramitar as cantidades para a súa convocatoria e execución. “ Se a Xunta de Galicia quere aplicalo acéptoo inmediatamente”, apuntou, lembrando que o goberno galego “debe mandar a Vigo 25 millóns de euros”.
Tamén acepta “inmediatamente” Caballero a proposta realizada polas deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo de que cada administración achegue o 1% do seu orzamento para axudar á hostalería, facendo as convocatorias os concellos, “e non hai desculpa para para que a Xunta de Galicia diga que non”, sentenciou, considerando amais que as cantidades que achegue non proceden do orzamento galego senón dos fondos recibidos da Unión Europea.