Escoitar

O Pleno reclama á Xunta que invista 40 millóns de euros na reforma integral dos centros educativos públicos

A moción do grupo municipal socialista recibiu o apoio do resto de grupos, agás o PP que se abstivo, na reclamación ao goberno autonómico da elaboración dun plan a 4 anos, dotado nos seus orzamentos con 40 millóns de euros, para abordar a renovación integral dos colexios vigueses.

mércores, 27 xan 2021

Segundo recolle o texto aprobado este mércores na sesión plenaria esta é unha demanda da comunidade educativa de Vigo e supón a asunción das súas competencias por parte da Xunta de Galicia cuns centros que superan na súa maioría os 50 anos de antigüidade.

O concelleiro de Educación, Gorka Gómez, defendeu a moción explicando que moitas das instalacións presentan un estado moi deteriorado e defendeu que o goberno municipal no mantemento e conservación dos centros fai "un traballo moi por enriba do debido porque asumimos competencias que non nos corresponden".

Xabier Pérez Igrexas, concelleiro non adscrito, coincidiu no reclamo á Xunta que leva "moitos anos de abandono" dos centros educativos da cidade. Oriana Méndez de Marea de Vigo expuxo na súa intervención outras cuestións desatendidas na cidade pola Consellería de Educación, como é o caso da zonificación escolar. Teresa Egerique, concelleira popular, defendeu que a Xunta atende as súas competencias en materia educativa pero o mantemento dos centros é responsabilidade municipal.

Financiamento do Servizo de Axuda no Fogar

A sesión plenaria aprobou este mércores tamén, cos votos favorables de Marea de Vigo e o concelleiro non adscrito, e a abstención do PP, a moción na que o grupo socialista insta á Xunta de Galicia a incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da súa competencia, que xestionan os concellos e que permanece conxelado desde 2012. Amais, o acordo vaise trasladar á Federación Galega de Municipios e Porinvicias para o seu coñecemento e efectos.

Yolanda Aguiar, concelleira de Política Social, explicou que os concellos teñen asumido ao longo dos dez anos do programa "todos os incrementos do preso/hora para poder garantir un servizo de calidade e condicións dignas de traballo para o persoal. No caso de Vigo, na última adxudicación do servizo o gasto incrementouse en case 1,5 millóns de euros, que asumiu o Concello de forma íntegra. Pola contra, censurou que Galicia sexa a segunda comunidade española con menos investimento por habitante en dependencia.

O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, apoiou a proposta socialista manifestando o "desleixo do Partido Popular coas políticas de dependencia" e reclamou máis volume de atención, máis horas de servizo e máis carteira de servizos para o SAF, unha "necesidade" que recoñece a edil socialista. Oriana Méndez, concelleira de Marea de Vigo, instou á Xunta de Galicia a incluír ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar no plan de vacinación contra o coronavirus e Patricia López, concelleira popular, cualificou a moción de "oportunista" porque afirma que a Xunta de Galicia conxelou a súa achega ao programa desde o ano 2012 cando puxo en marcha un SAF extraordinario.