Escoitar

Abel Caballero valora a inclusión do fondo de transporte urbano nos PXE 2021

O presidente da FEMP “saúda con entusiasmo” que os Presupostos Xerais do Estado de 2021 rescaten o fondo para transporte urbano acordado coa Federación e que autoriza un crédito inicial de 275 millóns para compensar o déficit das empresas por mor da pandemia.

venres, 4 dec 2020

O Proxecto de Lei de Presupostos Xerais do Estado 2021 contempla un crédito extraordinario de polo menos 275 millóns de euros, ampliable a 1.000 millóns, para apoiar aos servizos de transporte público de titularidade das entidades locais afectados pola crise da COVID-19.

Así o anunciou o Presidente da FEMP, Abel Caballero, que saudou “con entusiasmo” esta cuestión porque significa que “seguimos sumando e acumulando avances na política municipal e nos recursos que o Goberno de España dedica aos Concellos”.

O texto do Proxecto de Lei, remitido ao Senado para continuar a súa tramitación parlamentaria, incorpora a previsión deste crédito extraordinario tras a aprobación da emenda do Grupo Parlamentario Esquerra Republicana, que recolleu a proposta formulada pola FEMP. O crédito extraordinario queda incluído como Disposición Adicional no articulado do Proxecto de Lei de PGE, e sinala, textualmente, que “se distribuirá durante os exercicios 2020 e 2021 en función dos ingresos por tarifa correspondentes a estes servizos para o ano 2018”. Os perceptores das transferencias correspondentes serán Concellos, Deputacións Provinciais e Forais, Cabidos e Consellos Insulares que prestan servizo de transporte público.

O presidente da FEMP lembrou que os graves déficits que afectan ao transporte público derivan da gran diminución de viaxeiros durante todos estes meses. “O que se fai nos PXE é habilitar ao Goberno de España para a tramitación dun crédito extraordinario de entre 275 e 1.000 millóns de euros”, dixo Caballero que, ademais, lembrou que esta cuestión era unha das contempladas no acordo asinado co presidente do Goberno na Moncloa o pasado mes de agosto, acordo que foi levado ao Real Decreto-Lei 27/2020, rexeitado polo Congreso. “Benvido sexa” o crédito extraordinario incluído agora no Proxecto de Lei de PXE, concluíu.