O goberno de Vigo licita melloras en 21 vías do rural por 1,3 millóns
Concello e Deputación financian estas obras en rúas do rural vigués. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de humanización da rúa Troncoso, cun orzamento de 362.500 euros, e abriu o concurso público para humanizar Vista Alegre e Julia Minguillón, as dúas primeiras obras licitadas en España con cargo aos remanentes, segundo afirmou este venres o alcalde.
O Concello de Vigo prosegue co seu proxecto de transformación da cidade. A Xunta de Goberno Local deu luz verde a melloras pagadas por Concello e Deputación nunha vintena de rúas do rural vigués, ademais de, con cargo aos remanentes municipais, aprobar o proxecto de humanización da rúa Troncoso e licitar as remodelacións de Vista Alegre e Julia Minguillón.
No tocante ás vías do rural, o goberno presidido por Abel Caballero validou o expediente de contratación -que abre o proceso de licitación- de obras de mellora en vinte unha rúas, que saen en tres lotes distintos por importe total de 1,3 millóns de euros, que afrontan Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra.
En rolda de prensa, o alcalde detallou que se actuará sobre as rúas Sarabio, en Lavadores, por 29.925 euros; Camiño Noiana, en Lavadores, por 42.350 euros; rúa Penís de Abaixo, en Cabral, por 110.947 euros; rúa Aguadiña, en Sampaio, por 29.776 euros; a rúa Areeiro, tamén en Sampaio, por 93.155 euros; rúa Vista do Mar, en San Xoán, por 109.051 euros; rúa Coutadas, na Salgueira, por 43.993 euros; rúa Abade Juan de Bastos, en Matamá, por 51.232 euros; Subida as Relfas, en Sárdoma, por 30.090 euros; na Estrada Fragosiño, en Sárdoma, por 70.429 euros; rúa Relfas, en Beade, por 47.201 euros; rúa Eifonso, en Bembrive, con 85.141 euros; rúa Costa da Gándara, en Beade, por 60.895 euros; rúa Pouleira, en Beade, con 54.110 euros; Estrada Foxo, en Valladares, con 70.530 euros; Camiño Quinta, en Valladares, por 36.982 euros; Camiño Pinal, en Valladares, por 61.947 euros; Camiño Simona, en Valladares, por 113.666 euros; rúa Viña Grande, en Alcabre, por 36.581 euros; Camiño Pomba, en Valladares, por 27.575 euros; e Estrada Zidáns, en Zamáns, por 94.924 euros.
Remanentes
Abel Caballero puxo en valor que a Xunta de Goberno Local celebrada este pasado xoves ratificou as dúas primeiras obras licitadas en España con cargo a remanentes. Segundo indicou, estas son as humanizacións de Julia Minguillón e Vista Alegre, para as que o Concello reserva 1.071.000 euros. Ademais, tamén con cargo aos 36 millóns de euros de aforro municipal, o goberno vigués aprobou o proxecto de humanización da rúa Troncoso, unha obra que presenta un prazo de execución de tres meses e un orzamento de 362.500 euros.
Política social
Este xoves tamén se reuniu a comisión social municipal que decidiu conceder outras vinte dúas axudas de emerxencia adicionais, por importe próximo aos 9.000 euros. “Seguimos coa política social sen límite orzamentario no Concello”, trasladou o alcalde, quen engadiu que o goberno vigués continúa “atendendo ás persoas e colectivos máis desfavorecidos na pandemia” e informou de que, o día previo, 29 persoas pasaron a noite en hoteis e hostais da cidade -abonados pola administración local- e outras 37, no albergue municipal.
Por outro lado, o alcalde comunicou que a Policía Local identificou este xoves a 354 persoas e propuxo once sancións por incumprimento da normativa Covid, singularmente as máscaras e a mobilidade en horario nocturno. Abel Caballero volveu facer un chamamento á prudencia e á responsabilidade para prolongar a boa evolución que rexistra Vigo nas últimas xornadas.