Caballero inaugura as novas cintas mecánicas de Gran Vía tras unha reforma “excepcional que sitúa a Vigo na modernidade”
Abel Caballero presidiu este xoves o acto de inauguración das novas cintas mecánicas da avenida da Gran Vía de Vigo, unha reforma que cualificou como “excepcional”. A obra forma parte do proxecto Vigo Vertical, cofinanciado pola Unión Europea a través dos Fondos FEDER, e tivo un orzamento de 5,1 millóns de euros.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu este xoves o acto de inauguración da reforma da rúa Gran Vía e a posta en marcha das ramplas mecánicas instaladas entre as rúas María Berdiales e Venezuela. A obra forma parte do proxecto Vigo Vertical, cofinanciado pola Unión Europea a través dos Fondos FEDER, e tivo un orzamento de 5,1 millóns de euros.
A reforma inaugurada este xoves inclúe varios tramos de cintas mecánicas para salvar a pendente do 10 % nesa emblemática rúa do centro de Vigo, así como un túnel cuberto e formado por varios arcos xeométricos de cores. Os elementos vexetais, os bancos, as esculturas, unha fonte, un xardín vertical ou unha pantalla de leds completan o conxunto.
O acto de inauguración estivo amenizado pola música dun pianista que, entre outras pezas, interpretou o coñecido como 'Himno da Alegría', considerado o himno da Unión Europea. Tras a súa actuación, o rexedor interveu para subliñar a importancia da “excepcional” obra de Gran Vía, que "non só facilita a mobilidade", senón que tamén "coida o medio ambiente" e “sitúa a Vigo na modernidade” .
Así mesmo, aproveitou a súa intervención para lembrar que a actuación non chega ata a Praza de España (na zona máis alta) e ata Lepanto (na parte baixa) porque a Xunta decidiu de forma " discrecional" e "sen unha norma que o avale", "paralizar" a obra.
“Isto supera o que previamos. Xa sabiamos que ía ser excepcional pero isto supera as nosas previsións”, declarou Caballero tras ser o primeiro en pisar estas novas ramplas xunto á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e os concelleiros Javier Pardo, Elena Espinosa, Patricia Rodríguez y María José Caride.
O horario de funcionamento das cintas mecánicas de Gran Vía será o mesmo que o dos ascensores que xa están en marcha na cidade grazas ao proxecto Vigo Vertical. Así, estarán en uso de domingo a xoves, de 07.00 a 23.00 horas, e os venres e sábados, ata as 24.00 horas.







