Abel Caballero avoga por implantar en Vigo a produción do vehículo autónomo e eléctrico
No marco do foro internacional AutoMob sobre o futuro do automóbil, o alcalde apostou por arraigar no territorio o proceso tecnolóxico, coordinando sector público e privado, e da man do financiamento da Unión Europea. Caballero defendeu o máis de medio século de experiencia de Vigo como aval para o éxito dos retos inmediatos do coche eléctrico, autónomo e conectado.

“En torno ao eléctrico xirará parte importantísima da nosa mobilidade e en torno ao eléctrico vaise fraguar a nova industria do automóbil”, afirmou Abel Caballero este martes no Auditorio Mar de Vigo, sede do foro internacional AutoMob. O alcalde recordou a “capacidade da área de Vigo de competir cos mellores do mundo” neste sector, unha “cultura do automóbil” con máis de medio século de traxectoria que ofrece garantías ante o “reto” inmediato da industria, desde a fabricación das baterías ata a tecnoloxía do vehículo autónomo e conectado.
Caballero avogou por “coordinar o proceso e levalo adiante” entre o público e o privado, dirixido polo Goberno de España na consecución dos fondos europeos. E do AutoMob “teñen que saír os mecanismos para configurar o proxecto”, engadiu, que “queremos que suceda en Vigo”.
O alcalde fixou a súa posición ao respecto no acto de inauguración de AutoMob, un evento internacional organizado pola patronal do metal, Asime, celebrado de forma telemática a presencial no Auditorio Mar de Vigo, para analizar o futuro da mobilidade e do automóbil, coa participación das principais firmas do sector, entre as que se inclúen PSA, Ford, Renault, Mercedes-Benz, Toyota ou Tata Motors, así como provedores como GKN, Marsan, Gestamp ou CIE Automotive. Además, toman parte tamén entidades como Iberdrola, Telefónica, Faconauto, Sumauto, Anfac, Tecnalia e o CTAG, entre outros.
O acto de apertura da xornada contou co alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, o presidente e o secretario xeral de Asime, Justo Sierra e Enrique Mallón, respectivamente. De forma telemática interviron o director do Igape, Fernando Guldrís, e a secretaria xeral de Transporte e Mobilidade do Goberno de España, María José Rallo.



