Vigo pide a modificación da Lei 3/2016 para que poidan solicitala os concellos
O Concello vén de solicitar a modificación da chamada Lei Vigo para poder aplicala en cuestións como a reforma dos accesos do colexio Párroco don Camilo. O rexedor criticou que as administracións locais non poidan solicitar a aplicación dunha normativa que lle permitiría executar con urxencia proxectos non recollidos no planeamento pero de indubidable interese público.
O Concello reclamará á Xunta a modificación da Lei 3/2013 -coñecida como Lei Vigo -para que a súa aplicación poida ser solicitada polos concellos e, singularmente, polo de Vigo. Para o rexedor resulta sorprendente que esta normativa poida ser solicitada por outras entidades como o Ifevi ou a Zona Franca pero non por administracións locais o que lles permitiría executar de forma urxente proxectos non recollidos no planeamento pero de indubidable interese xeral para todos os cidadáns.
En rolda de prensa o alcalde censurou que o Concello teña que recorrer a unha tramitación de dous anos para reformar os accesos do colexio Párroco don Camilo ao serlle negada a posibilidade de aplicar esa lei. Na súa opinión, non é de recibo que requira a mesma tramitación o proxecto que plantexa o Concello de Mos para o Celta que un camiño de 50 metros co que se quere dar seguridade aos alumnos dun centro educativo.
Co obxectivo de evitar este tipo de bloqueos, a concelleira de Urbanismo vén de escribirlle unha carta á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Ángeles Vázquez, na que lle solicita un cambio na lei introducindo unha modificación do artigo único para que Vigo e o resto dos 312 concellos galegos poidan solicitar a aplicación da normativa.