A senda do Lagares estenderase 3,5 quilómetros máis e contará con 800 novas árbores
O goberno local aprobou definitivamente o Proxecto de expropiación por taxación conxunta para execución da senda fluvial no río Lagares (tramo entre Manuel Álvarez e a Avenida de Madrid). Cun orzamento de 430.000 euros, o Concello expropiará 96 parcelas de zonas colindantes co río co obxectivo de dar continuidade ás sendas que na actualidade acompañan o curso do Lagares e que se rehabilitarán no seu conxunto nesta lexislatura.
O paseo do Lagares sumará un novo tramo – entre Manuel Álvarez e a Avenida de Madrid – que contará cun orzamento de case 800.000 euros e se estenderá ao longo de 3,2 quilómetros, o que supón o 18,4% dos 17,7 km do río. O expediente de expropiación das 96 fincas afectadas recibiu luz verde definitiva e antes de final de ano, licitarase o proxecto construtivo. Tal e como precisou o rexedor, o proxecto incorpora un estudio ambiental de todo o trazado, coa plantación de 140 árbores de gran porte (carballos e freixos), 640 arbustos e pequenas árbores, ás que se suma unha recuperación integral da biodiversidade das marxes e espazos fluviais.
Instalacións deportivas
A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde á reanudación da contratación dos servizos técnicos para retomar a formación deportiva nas instalacións municipais. Estas actividades dirixidas, que obviamente estarán adaptadas ao protocolo Covid, impártense nas piscinas cubertas de As Travesas, Lavadores, Teis e Valladares, ademais de nos ximnasios do Carmen e do Berbés