O Concello aproba 16 humanizacións na cidade por un importe de 5,4 millóns de euros
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves a varios proxectos de humanización, entre os que destaca a rúa García Barbón, entre Rosalía de Castro e Isaac Peral que ten un orzamento de 2,2 millóns de euros e varios proxectos no rural de Vigo.
O alcalde destacou que "segue en marcha o proceso de humanizacións e de obras na cidade e de xeración de emprego a través delas". En rolda de prensa deu conta da aprobación na sesión ordinaria da Xunta de Goberno de tres proxectos de humanización en convenio coa Deputación de Pontevedra. O primeiro, na rúa Taboada Leal, entre Venezuela e Ronda de Don Bosco que ten un importe de 594.000 euros, dos que a Deputación achega 280.000 e o Concello 314.000 euros. O segundo proxecto é o da rúa Serafín Avendaño, entre Areal e Rosalía de Castro, cun orzamento de 300.000 euros, dos que o ente provincial achega 216.000 euros. O terceiro é a humanización de Hispanidade, entre as rúas Zamora e Pintor Colmeiro, cun importe de 810.000 euros, 640.000 financiados pola Deputación de Pontevedra.
A Xunta de Goberno aprobou tamén este martes os proxectos de humanización da Primera Travesía de Guixar-Teis (45.600 euros), Estrada do Freixo-Valadares (275.000 euros), Camiño do Laranxo (136.000 euros), Rúa dos Foxos-Teis (56.000), Rúa dos Curros-Lavadores (90.000 euros), Rúa Subride (154.000 euros ), Rúa do Areeiro (154.000 euros), Rúa das Fontáns (59.000 euros), Praza Feira (152.000 euros), Camiño Brea Beade (227.000 euros), Rúa Costa Gándara (163.000 euros).
Ademais, quedou aprobado o proxecto de humanización da Avenida García Barbón, entre Rosalía de Castro e Isaac Peral, cun orzamento base de licitación de 2.197.000 euros, o proxecto de cubrición do patio do CEIP Pintor Laxeiro cun importe de 185.000 euros e o proxecto básico e de execución para a impermeabilización das cubertas do edificio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares por un importe de 120.000 euros.
Caballero informou tamén do acordo para a adxudicación da contratación dos servizos auxiliares para a posta en marcha e apertura da sala de lectura-biblioteca de Navia por 70.100 euros coa previsión de que entre en funcionamento a mediados de outubro e da adxudicación da contratación, por 81.000 euros, dos servizos de asistencia técnica á dirección da obra municipal para o control e seguimento das obras de humanización da estrada Porto Beade, que ten un orzamento total de 3,5 millóns de euros.