Escoitar

A biblioteca do MARCO retoma o club de lectura o 23 de outubro

Segundo explicou o alcalde, a actividade na biblioteca-centro de documentación do museo quedará restrinxida a grupos de 9 persoas, en tres sesións diferentes, para cumprir coa normativa sanitaria do Covid-19.

martes, 22 set 2020

Abel Caballero informou do reinicio da acción do MARCO como "biblioteca centrada, especializada e versada sobre arte moderna e contemporánea" co desenvolvemento, a partir do venres 23 de outubro, das sesións do club de lectura, cun máximo de nove participantes en cada grupo.

A primeira sesión coincide co Día da Biblioteca e as seguintes irán desenvolvéndose en tres grupos e días diferentes para os que é preciso realizar unha inscrición previa, cuxo prazo comeza o primeiro de outubro. A actividade é gratuíta.

Tal e como expuxo o rexedor, a biblioteca-centro de documentación do MARCO, proporciona información bibliográfica, hemerográfica e audiovisual sobre a arte do século XXI no mundo e na cidade de Vigo. Conta cun fondo bibliográfico de case 7.000 publicacións entre monografías, catálogos de artistas e colectivos amais de hemeroteca de revistas especializadas.

Ocupación hoteleira en setembro

O rexedor valorou este martes os datos da ocupación hoteleira no mes de setembro na cidade que nas fins de semana supera o 40%: na primeira foi dun 50%, na segunda do 38% e na terceira do 32%. Segundo apuntou, nalgúns hoteis o nivel medio de ocupación foi do 60%, especialmente os de maior categoría.

Así, no mes de setembro a ocupación hoteleira superou o 37% "unha boa ocupación para o momento que atravesamos; é setembro e os grandes espazos turísticos do mundo están desertos. Vigo está a comportarse moito mellor que algúns lugares de toda Galicia e España", sinalou Caballero.

Con todo, chamou ao respecto pola normativa da Covid-19 e reiterou á Xunta de Galicia a petición de información sobre a evolución da pandemia en Vigo para poder "manter o mellor posible a situación da cidade".