Vigo amplía a súa oferta de arte na rúa coa obra de Colectivo Licuado en Guixar
O alcalde, Abel Caballero, e a primeira tenente de alcalde e presidenta provincial, Carmela Silva, visitaron este martes unha nova creación artística ao aire libre da sexta edición do programa municipal “Vigo, cidade de cor”, nesta ocasión a proposta de Colectivo Licuado na Avenida de Guixar 28.
Avanza a edición 2020 da iniciativa “Vigo, cidade de cor”, que promove o Concello de Vigo para levar a arte ás rúas da cidade con obras tanto en medianeiras como en centros educativos. Este martes, Abel Caballero e Carmela Silva achegáronse ata a Avenida de Guixar 28, onde Colectivo Licuado ultima o seu mural, preto xa da súa conclusión.
A sexta edición do programa inclúe dezaseis medianeiras (San Roque, Aragón, Avenida Ramón Nieto, Cantabria, Avenida de Guixar, Avenida Atlántida, Vilagarcía de Arousa, Ronda de Don Bosco, Venezuela, Avenida da Florida, República Arxentina, rúa Coruña, rúa Palencia, IES O Castro, rúa Regueiro e rúa Chao) que se transformarán en obras de arte efímero.
Unha vez conclúa esta edición, a cidade contará con 133 murais nas rúas e colexios da cidade. O importe da iniciativa roza o medio millón de euros, cantidade na que se incorpora unha partida para o mantemento das obras creadas en anos anteriores e a realización de actividades complementarias de carácter cultural.