Escoitar

Concello e Zona Franca firman o protocolo de colaboración para ampliar o polígono de Balaídos

O alcalde, Abel Caballero, firmou este mércores xunto ao delegado da Zona Franca, David Regades, o protocolo de colaboración para ampliar o polígono de Balaídos. “É importante xerar solo industrial na cidade porque non podemos volver atoparnos coa situación de que haxa empresas que non poidan quedar en Vigo por falta de chan", sinalou o rexedor.

mércores, 8 xul 2020
David Regades e Abel Caballero.
David Regades e Abel Caballero.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades, asinaron este mércores un protocolo de colaboración entre ambas as institucións co obxecto de establecer as bases para o desenvolvemento da ampliación do Polígono de Balaídos. O acordo responde así ás peticións dun tempo a esta parte dun dos sectores produtivos máis importante de Vigo, como é o da automoción, que ven expoñendo aos representantes do Concello e do Consorcio a urxente necesidade dunha ampliación de cara ó mantemento e á consolidación do sector.

Ambas institucións, conscientes da importancia de dita actuación no artellamento do sistema produtivo da área urbana de Vigo e a súa zona de influencia, da complexidade que leva aparellada a súa xestión, e da magnitude dos recursos previstos para a súa consecución, consideran que resulta necesaria a súa implicación no desenvolvemento da ampliación do Polígono lndustrial de Balaídos.

De cara a consecución dos obxectivos previstos, ámbalas dúas partes acordaron a constitución dun grupo de traballo paritario que decida, e previas consultas ás administracións con competencias, o a seguir para a ampliación do Polígono lndustrial de Balaídos. Para que isto sexa posible, formarán un grupo de traballo que estará integrado polas persoas designadas, aos efectos, polo Concello de Vigo e polo Consorcio da Zona Franca.

Unha vez se determine o procedemento a seguir para o desenvolvemento desta actuación, as partes formalizarán un convenio no que se determinen os compromisos concretos. Este convenio incorporará as previsións necesarias para garantir viabilidade desta actuación, entre as que estarán que o documento no se que plasmen as condicións urbanísticas do desenvolvemento.

O alcalde sinalou "a importancia de xerar chan industrial na cidade porque non podemos volver atoparnos coa situación de que haxa empresas que non poidan quedar en Vigo por falta de chan". Ademais, quixo agradecer á Zona Franca, e especialmente o labor do seu delegado, o traballo que está a facer e polo seu compromiso coa cidade de Vigo.

Pola súa banda, David Regades manifestou que para Zona Franca e para Vigo "o polígono de Balaídos onde está situada a factoría de Citroën é prioritario, por iso, hoxe estamos a dar un paso máis para a ampliación do mesmo". Ademais, o delegado sinalou que "o ser unha ampliación do existente, tamén será declarado libre de impostos" e engadiu que “con este protocolo xa empezamos a facer o proxecto sectorial e a debuxar o futuro da man do Concello co reflexo que está no plan xeral".

Descargar todas as imaxes