O Concello de Vigo atendeu xa a 1.400 persoas con solicitudes para o Ingreso Mínimo Vital
Abel Caballero informou este martes de que a oficina aberta na lonxa do Concello de Vigo para tramitar solicitudes do Ingreso Mínimo Vital xa atendeu en dous días a 1.400 persoas. Lembrou o alcalde que para a atención presencial é preciso solicitar cita previa (na web municipal ou no teléfono 010) e tamén se pode rexistrar a solicitude a través de Internet.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou esta martes en rolda de presa de que máis de 1.400 persoas foron atendidas no Concello nos dos últimos días en relación ao Ingreso Mínimo Vital. “O Concello é a día de hoxe a única administración con porta de entrada presencial en Vigo, nin INSS nin Xunta, nin ningunha outra institución están atendendo de forma presencial, porque queremos estar desde o primeiro día apoiando á xente que o quere solicitar”, sinalou o rexedor.
O goberno de Vigo dispón dun espazo habilitado específico na lonxa municipal con dous puntos de información, asesoramento e rexistro das peticións. A atención préstase con cita previa, que pode ser obtida a través da web do Concello ou do teléfono 010. Tamén é posible rexistrar a solicitude por medios telemáticos.
“Temos dúas persoas dedicadas no punto do Concello, a semana que ven teremos catro e estamos no proceso de contratación acelerada para un total de 14 puntos de atención”, sinalou. Ademais, Caballero sinalou que onte foron atendidas 56 persoas de forma presencial e déronse outras 600 citas. Este martes, o número de atendidos con cita previa foi de 90 persoas, e outras 700 sen cita previa.
A previsión municipal é ampliar o número de espazos da cidade onte informarse e presentar as solicitudes ao Ingreso Mínimo Vital e dispoñer dun total de catorce puntos para asesorar a quen o precise. Desde o pasado venres, a web municipal conta cun apartado específico no que se pode obter toda a información sobre esta prestación: folleto informativo, impresos de solicitude, cita previa, unha guía de tramitación e a normativa, entre outros datos.
En calquera caso, Abel Caballero insistiu en que a recomendación é solicitar cita previa para que a xestión sexa máis áxil e poidan reducir as esperas. O Ingreso Mínimo Vital (IMV) é unha prestación dirixida a previr o risco de pobreza e exclusión social das persoas que vivan soas ou integradas nunha unidade de convivencia, cando se atopen nunha situación de vulnerabilidade por carecer de recursos económicos suficientes para a cobertura das súas necesidades básicas.
Configúrase como o dereito subxectivo a unha prestación de natureza económica que garante un nivel mínimo de renda a quen se atopen en situación de vulnerabilidade económica. A través deste instrumento perséguese garantir unha mellora de oportunidades reais de inclusión social e laboral das persoas beneficiarias.
No relativo ás axudas de emerxencia, o alcalde explicou que desde o inicio do estado de alarma a mediados de marzo o Concello de Vigo xa concedeu un total de 8.404 axudas por un importe total de 1.080.811,74 euros.