Escoitar

O Concello estuda as novas normas sobre parques antes da súa apertura

Abel Caballero avanzou este luns que o Concello xa estuda a nova normativa publicada no DOG sobre parques para a súa apertura dentro da “nova normalidade” e respectando as condicións sanitarias establecidas polas autoridades sanitarias. Ademais, confirmou o regreso á activade nas instalacións deportivas.

luns, 15 xuñ 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns en rolda de prensa que o Concello está estudando as normas publicadas o sábado no DOG pola Xunta de Galicia e xa empezou a xestionar a contratación dunha empresa para aplicar “as medidas de hixiene e prevención establecidas no que se refire a proceder diariamente á limpeza e desinfección dos espazos nas áreas de contacto das zonas comúns, tales como xogos de zonas infantís, aparatos de actividade física ou outro mobiliario urbano de uso compartido”.

O alcalde lembrou que a cidade dispón de 305 espazos que poden ser abertos, polo que a administración local está analizando “a forma de garantir o aforo e quen o ten que garantir”. Segundo o DOG, só pode haber unha persoa por cada catro metros cadrados.

Instalacións deportivas

Ademais, Caballero indicou que desde o pasado venres están en funcionamento os servizos dos complexos deportivos Máis que Auga de Barreiro, Florida e Navia que contan cun Plan de continxencias que recolle tódolos aspectos necesarios para cumprir as medidas obrigatorias para o seu funcionamento cun aforo máximo do 50% para instalacións deportivas e do 30% para as piscinas.

Este luns o goberno municipal pon en funcionamento os pavillóns polideportivos de Navia, Travesas e ETEA co obxectivo de que as entidades deportivas das actividades permitidas poidan ir reiniciando e programando a súa volta á actividade. Polo momento, só está permitido o deporte individual; non deportes colectivos nin de contacto.

E, por último, desde o mércores 17 de xuño, o Concello reanuda o contrato dos servizos para as piscinas cubertas de Travesas, Lavadores, Teis e Valadares afectando á totalidade dos servizos de recepcionistas, socorrismo e limpeza.

Descargar todas as imaxes