Escoitar

Urbanismo respalda a construción do Centro Superior de investigacións científicas na ETEA

O Concello de Vigo vén de enviar á Xunta informe favorable ao proxecto que permitirá construír na ETEA o Centro superior de investigacións científicas que financiará o Goberno Central. Deste xeito, o goberno local facilita que continúe a tramitación administrativa deste ámbito.

venres, 12 xuñ 2020

A Xerencia de Urbanismo tomará coñecemento o próximo martes dos informes municipais que se enviaron á Dirección Xeral do Territorio sobre o proxecto sectorial PS-2 Área científico tecnolóxica previsto no Campus do Mar da ETEA. Trátase, dixo o rexedor, dunha peza clave porque é o terreo que vai albergar o Centro Superior de Investigacións científicas que vai ser financiado polo Goberno Central, un proxecto co que o Concello concorda e sobre o que emitiu un informe favorable con algunhas observacións técnicas de xeito que a tramitación poida continuar. Na habitual rolda de prensa, Abel Caballero criticou á Xunta pola desatención ao espazo da súa competencia dentro da ETEA, incluído o parque infantil, absolutamente deteriorado.

A Pasaxe
O alcalde garantiu esta mañá a permanencia do campo de fútbol do Valladares e do centro educativo no entorno do futuro polígono de A Pasaxe previsto no plan xeral que nestes momentos está en fase de redacción. A parroquia de Valladares contará con solo industrial, con novos equipamentos, zonas verdes e novos viais que reforzarán e mellorarán as condicións destes centros educativos e deportivos. Insistiu en que o documento urbanístico -do que está redactada unha primeira versión do ámbito medioambiental -se concretará da man dos responsables de ambas entidades. De feito, esta mesma mañá falou co director do colexio con quen acordou manter un encontro e nas próximas horas anunciou que chamaría ao presidente do clube deportivo. Respecto das vivendas afectadas, explicou que serán moi poucas e avanzou que chegado o momento falarase cos propietarios para chegar a acordos.