Escoitar

O Concello reforza os campamentos de verán con máis de 300 novas prazas

Abel Caballero anunciou esta mañá as datas do Campus Vide 2020 que se organizará en xullo no Complexo Deportivo das Travesas. A principios do mes que vén arrancarán tamén os campamentos para persoas con discapacidade que se desenvolven tamén en agosto no museo Verbum Casa das palabras. Deste xeito máis de 300 novas prazas súmanse ás 2.388 ofertadas desde a Concellería de Xuventude.

xoves, 11 xuñ 2020

A partir do próximo luns 15 de xuño ábrese o prazo para participar no Campus Vide 2020 no que se ofertan 200 prazas -reduciuse o aforo nun 50% por cuestións sanitarias respecto a anteriores edicións - en dúas quendas: do 13 ao 17 de xullo e do 20 ao 24 de xullo, en horario de 09,00 a 14,00 h. Este campamento desenvolverase no Complexo deportivo das Travesas e a inscrición será a través do teléfono 986247104.

O luns 15 tamén comeza o período de solicitude para participar en Lecer no verán e Divírtete no verán, campamentos de ocio e tempo libre organizados no Verbum durante os meses de xullo e agosto para persoas con discapacidade de idades comprendidas entre os 6 e os 65 anos. É un servizo de ocio e respiro familiar dirixido a persoas con discapacidade psíquica, física ou sensorial. Son máis de 100 prazas e o servizo de transporte será o taxi, financiado polo Concello de Vigo. A inscrición será preferentemente vía telemática en www.vigo.org ou presencialmente solicitando cita previa para o Rexistro xeral ou no 010.

Estas prazas de campamento véñense sumar ás 3.388 ofertadas desde Xuventude e o período de solicitude remata mañá 12 de xuño. As opcións deste ano son Vigozoo, Verán en Samil, Verán en Alcabre, Verán en inglés, Verán en Navia, Verán en Vigosónico, Verán na Casa da Xuventude, Verán en Coia, Verán mariñeiro, Verán náutico na ETEA, Verán náutico en Bouzas e Campamento Urbano en Travesas.

Vigo Cup
O alcalde tamén deu conta esta mañá da decisión de cancelar o evento deportivo Vigo Cup 2020 previsto para a última semana de xuño e a primeira de xullo. Unha resolución adoptada en consenso cos clubs e organizadores técnicos tendo en conta criterios de precaución sanitaria.