O goberno local habilita atención específica para tramitar o ingreso mínimo vital
A partir do vindeiro luns, 15 de xuño, o goberno municipal ofrecerá axuda no Concello, mediante cita previa, á cidadanía que precise asesoramento, información ou rexistro da solicitude do ingreso mínimo vital. A cita pode pedirse desde mañá venres en www.vigo.org ou a través do teléfono de información 010.
O rexedor informou en rolda de prensa do inicio da tramitación do ingreso mínimo vital desde o vindeiro luns nas dependencias municipais, cun posto de atención específico para tódalas persoas que precisen asesoramento, información e/ou rexistro da súa solicitude. Para acudir é imprescindible solicitar cita previa a través da web www.vigo.org ou do teléfono 010.
Amais, o Concello de Vigo habilitará nos próximos días 14 puntos de información de solicitude e atención cidadá, en diferentes espazos da cidade, co fin de axudar a quen o precise para tramitar o ingreso mínimo vital.
Desde este venres, 12 de xuño, a web municipal activa unha pestana coa denominación “ingreso mínimo vital” na que se pode obter toda la información sobre esta prestación: folleto informativo, impresos de solicitude, unha guía de tramitación, a normativa… e desde onde pode solicitarse cita previa para asesoramento no Concello. A cita pode concertarse tamén a través do teléfono 010 desde este venres, día 12.
O alcalde recalcou que é importante acudir ao consistorio con cita previa, apuntando que a axuda terá carácter retroactivo desde o momento no que entra en vigor, e recomendando que, de ser posible, se empreguen os medios telemáticos para rexistrar a solicitude.