Escoitar

O transporte urbano municipal recupera o 100% do servizo e pon en marcha as liñas ás praias

Abel Caballero informou este venres de que o transporte urbano municipal recuperará o vindeiro luns o 100% do servizo con todas as medidas de seguridade e hixiene establecidas polo Ministerio de Sanidade. Ademais, ao longo da semana tamén comezará o servizo ás praias.

venres, 12 xuñ 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres de que o transporte urbano municipal recuperará o vindeiro luns o 100% do servizo despois de tres meses nos que estivo reducido pola crise sanitaria derivada da pandemia do Covid-19. Ademais, a concesionaria Vitrasa tamén comezará ao longo da próxima semana, en función da meteoroloxía, o servizo ás praias.

Así, un total de nove liñas conectarán Vigo con todos os areais chegando en puntos como Samil a unha frecuencia de menos de cinco minutos. En concreto, ademais das seis liñas que conectan Vigo coas praias (L10, L11, L12A, L15A, L15 e L15C), tamén amplían o seu percorrido outras tres liñas (C3, L4C e L23), mantendo os seus horarios habituais. Por outra banda, nas horas punta reforzarase o servizo para facilitar a mobilidade con seguridade.

Trasbordos gratuítos

Coas tarxetas de transporte, os usuarios poderán realizar dous transbordos gratuítos en 45 minutos, podendo chegar desde calquera punto de Vigo ás praias. Este servizo especial finalizará o vindeiro 15 de setembro pero terase en conta a climatoloxía desas datas por se houbese que prolongalo por bo tempo.

Caballero lembrou que o transporte municipal recibiu, a través do Grupo Avanza e de Vitrasa, o Certificado de Boas Prácticas fronte a pandemia do Covid-19 concedido pola empresa Aenor.

Protocolo de seguridade

O rexedor explicou que a o transporte urbano xa ten en marcha un protocolo moi esixente en todas as súas instalacións para o cumprimento de todas as instrucións das autoridades sanitarias e as mellores prácticas recomendadas polas institucións internacionais co obxectivo de garantir a seguridade dos viaxeiros e traballadores.

Ademais, indicou que implantáronse diferentes medidas en cada momento adaptándose sempre ás recomendacións das autoridades sanitarias para garantir a seguridade dos viaxeiros e entre as que destacan: a obrigatoriedade de máscara a bordo do bus, a eliminación do pago en metálico por pago con tarxeta, o acceso ao autobús pola porta central, a inhabilitación dos asentos dianteiros, a distancia de seguridade na entrada ao autobús e dentro do vehículo.