Escoitar

O goberno municipal prosegue as obras do carril bici coa previsión de finalizar en xullo

Nestes momentos está executándose o tramo que comprende dende Praza da Independencia ata Praza América. Amais, o Concello acomete estes días asfaltados na Florida e en Sanjurjo Badía.

xoves, 28 mai 2020

Segundo informou o rexedor este xoves, as obras do carril bici que percorrerá a cidade entre Teis e Samil, e que ten un orzamento de case 6 millóns en euros cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, prevén estar rematadas no mes de xullo. Con todo, quedará pendente de executar o tramo na intersección coa Gran Vía que non poderá realizarse ata que rematen a obras de instalación das ramplas mecánicas.

Agora mesmo, os traballo concéntranse no tramo que discorre entre Praza da Independencia e Praza América, onde o carril bici vai segregado do resto de circulacións, trala modificación do proxecto que, nun primeiro momento, contemplaba un carril compartido. Están acometéndose os traballos de adecuación da vía, previos ao pintado do carril bici. Tamén se está realizando o pintado dos tramos de intersección do carril bici, nestes momentos na rúa Venezuela con México e en Pizarro con Condesa Casa Bárcena.

Posteriormente, está previsto realizar o tramo final do carril, na zona do Centro Comercial Travesía e da Avenida de Bos Aires ata a conexión coa Vía Verde en Teis.

Ao tempo, o goberno de Vigo está desenvolvendo obras de mantemento de vías na cidade, que teñen un orzamento de 1,6 millóns de euros. Este xoves rematouse o asfaltado na avenida da Florida, no tramo que vai desde Manuel de Castro ata a intersección coa rúa Darío Durán e, pola tarde, está previsto o asfaltado na Praza Isabel La Católica con Brasil. Mañá acométese o aglomerado en Sanjurjo Badía, desde Pedro Alvarado ata Bos Aires.