Vigo empregará a megafonía de Samil para recomendar distancia social
A fase 2 da desescalada e o bo tempo enche as praias viguesas de paseos e bañistas e o Concello de Vigo utilizará esta fin de semana os altofalantes de Samil para advertir da necesaria distancia interpersoal de dous metros. En función do clima, o alcalde non desbotou adiantar a parcelación dos areais prevista para o 15 de xuño.
En rolda de prensa por videoconferencia, Abel Caballero informou este xoves do uso da megafonía de Samil para alertar aos usuarios da popular praia viguesa da necesidade de conservar o mínimo de dous metros de distancia social, tanto na area como no paseo.
O calor e a fase dous da desescalada están a levar á cidadanía á costa, polo que o alcalde quixo reiterar a mensaxe de responsabilidade e mantemento das distancias. Vigo ultima hoxe a parte técnica que permita lanzar este fin de semana recomendacións aos bañistas ante o coronavirus.
Para os areais de Samil e do Vao, o Concello elaborou un sistema de cintas con código de cores para dividir o espazo e garantir así a distancia entre os bañistas. Inicialmente previsto para o 15 de xuño, Abel Caballero non desbotou adiantar a súa instalación en parte da praia de Samil se a climatoloxía estival se prolonga.
Sen sancións
Como vén facendo desde o inicio, o alcalde deu conta este xoves da actuación da Policía Local para facer cumprir cos preceptos do estado de alarma. Caballero trasladou que este mércores foi o primeiro día sen sancións desde o decreto estatal de mediados de marzo. Os axentes si comunicaron algunhas advertencias verbais pero que non se traduciron en denuncias. Por exemplo, e relacionado coas recomendacións nas praias, alertaron a un grupo moi numeroso de persoas reunidas no areal de Samil, que se dispersaron ao momento.