Escoitar

Xa está operativo o portal dixital que reunirá a creatividade artística local durante o confinamento

Todos aqueles interesados en compartir a súa creatividade artística durante este período de confinamento xa poden facer chegar as súas creacións a confinarteconcultura.vigo.org. Teñen que ser vídeos curtos, que deberán estar gravados en formato horizontal, cun peso máximo de 500 MB e unha duración máxima de 5 minutos.

venres, 27 mar 2020

O alcalde lembrou esta mañá que hoxe está operativa a plataforma confinarteconcultura.vigo.org para que artistas ou afeccionados envíen as súas propostas creativas para que todos desde as nosas casas poidamos gozalas. Esta plataforma web permitirá reunir nun mesmo espazo todas as iniciativas artísticas que están a desenvolver os artistas locais desde o seu confinamento.
Desde hoxe está dispoñible o portal ao que se accederá a través do dominio http://confinarteconcultura.vigo.org no que os e as artistas da nosa cidade poderán propoñer vídeos nos que amosen as súas expresións artísticas no confinamento. Tratarase de vídeos curtos, que deberán estar gravados en formato horizontal, cun peso máximo de 500 MB e unha duración máxima de 5 minutos. Poderán propoñerse vídeos nos que se amosen diferentes disciplinas da arte e a cultura: música, teatro, danza, artes plásticas, fotografía, etc., pero terán que ser pezas gravadas no seu confinamento, vídeos caseiros gravados exclusivamente neste momento e con este fin.

A iniciativa pretende cumprir tres obxectivos. En primeiro lugar, "confinar" nunha mesma plataforma todas as iniciativas que estamos a ver estes días nas redes de artistas de Vigo, en segundo lugar, difundir a creatividade destes artistas desde o seu confinamento e, por último, ofrecer á cidadanía a oportunidade de ter acceso a contidos exclusivos gravados unicamente para este fin. Serán pezas artísticas únicas que o público terá a oportunidade de ver en primicia.

Os e as artistas profesionais que desexen participar nesta iniciativa poderán realizar as súas propostas a través da propia plataforma.