Escoitar

A Policía Local impuxo 355 denuncias por incumprir o confinamento desde o 16 de marzo

O alcalde advirte que esta fin de semana haberá controis para os vehículos que entran e saen da cidade e pide cautela á cidadanía e respecto ao decreto de alarma para protexer a saúde propia e a dos demais.

venres, 27 mar 2020
Abel Caballero, este venres
Abel Caballero, este venres

Abel Caballero detallou que na xornada do xoves a Policía Local denunciou a 32 persoas por incumprir o Real Decreto do estado de alarma, “unha lixeira baixada” respecto a xornadas anteriores. Amais, identificáronse 139 persoas na rúa e 280 coches.

Así, desde o 16 de marzo, a Policía Local sancionou a 355 persoas que ían pola rúa infrinxindo o confinamento. “Son 355 denuncias para coidar a saúde dos 355 infractores e dos case 300.000 que cumpren coa norma”.

O rexedor explicou que durante a fin de semana haberá controis policiais para os vehículos que entren e saian de Vigo porque “salvo cuestións de urxencia non se pode saír da cidade, debemos quedar confinados na casa e saír o imprescindible”, lembrou apelando á cautela cidadá para respectar o confinamento “porque ninguén está libre de contaxiar e ser contaxiado”.

Dispositivo de desinfección

Caballero valorou este venres o funcionamento “extraordinario” do dispositivo de limpeza e desinfección da cidade que traballa con 4 equipos e 8 persoas as 24 horas do día. O operativo conta co reforzo dos bombeiros nos espazos de centros sanitarios.

 

 

Descargar todas as imaxes