Escoitar

O Concello de Vigo pon en marcha un programa de deportes inclusivo para 800 escolares

O Concello de Vigo acolleu este luns a presentación do novo proxecto educativo que levará a cabo da man do Club Amfiv de baloncesto en cadeira de rodas para acercar a 800 escolares de 12 centros aos deportes inclusivos. O programa comezará o vindeiro mércores, día 11 de decembro, e o Concello encargarse de trasladar aos nenos e nenas en autobús ata o pavillón de Bouzas.

luns, 9 dec 2019
1575898562deporte.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este luns a nova iniciativa do Concello para acercar ao alumnado vigués aos deportes inclusivos e ás persoas con discapacidade. O rexedor estivo acompañado na rolda de prensa polo presidente do Club Amfiv, Chechu Beiro, e polos concelleiros de Xuventude, Gorka Gómez, e Deportes, Manel Fernández, ademais do directivo José Manuel Alvelo e os xogadores Agustín Alejos, Franco Alessandrini e Salvador Sandoval.

Caballero avanzou que o Concello, a través do seu Servizo Municipal de Educación, pon en marcha esta experiencia piloto para un programa educativo de intervención e inclusión a través da práctica deportiva. Inicialmente esta experiencia piloto, permitirá ao longo do curso lectivo escolar 2019-2020 a participación de preto de 800 escolares de 12 centros educativos da cidade.

A iniciativa comezará este mércores, 11 de decembro (de 09:30 a 13:30 horas) no pavillón de Bouzas e o Concello estableceu unha colaboración co Club Amfiv para asumir o desprazamento de escolares. Así, o obxectivo é promover o deporte sen barreiras nos centros educativos da cidade.
Descargar todas as imaxes