Escoitar

Vigo amplía a súa oferta coa inauguración do Poboado de Nadal na Casa Galega da Cultura

O alcalde avanzou este xoves que a Xunta de Goberno Local adxudicou a contratación das cinco carrozas para a Cabalgata de Rei do vindeiro 5 de xaneiro. Ademais, destacou que a ocupación hoteleira nos mes de novembro chegou a cifras de récord grazas ao Nadal.

xoves, 5 dec 2019
Abel Caballero inaugurará este xoves na Casa Galega da Cultura unha nova oferta lúdica para o Nadal de Vigo. Trátase do Poboado de Nadal, no que se representa un poboado de montaña con 550 figuras de entre 7 e 20 centímetros de altura.

A exposición, segundo explicou o alcalde, estará aberta desde hoxe ata o 7 de xaneiro con horarios, de luns a venres, de 17:00 a 21:00 horas, e sábados, domingos e festivos de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas. Tamén haberá horarios especiais os días de Nadal, Aninovo e Reis de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas, mentres que os días de Noiteboa e Noitevella será de 12 a 20 horas e a véspera de Reis (Cabalgata) de 12 a 21 horas.

Precisamente a Xunta de Goberno Local deu este xoves o visto e prace á adxudicación da contratación dos servizos de deseño e produción de cinco carrozas para a Cabalgata de Reis. O orzamento é de 65.000 euros e a temática será personaxes e animais de contos e historias da infancia. O desfile será o 5 de xaneiro.

O alcalde tamén informou dos bos datos da ocupación hoteleira en novembro apuntan aun crecemento ata o 57,81%, cunha estancia media foi de 1,96 días. Do total de turistas aloxados en novembro, o 83,58% son españois e, de eles, son galegos o 14,6%.

Por último, o rexedor sinalou que xa comezou o reparto gratuíto de pulseiras de Nadal entre colectivos, asociacións, clubs deportivos e centros escolares.