Escoitar

O Concello aproba o convenio de cesión á Deputación do edificio da rúa Chao

O goberno de Vigo aprobou este xoves o convenio para a cesión deste inmoble municipal que pasará a ser a sede do ente provincial en Vigo e que funcionará tamén como espazo expositivo, co "fío condutor" da fotografía, tal e como avanzou Abel Caballero.

xoves, 5 dec 2019
O alcalde explicou este xoves que a Deputación de Pontevedra ocupará na cidade un edificio singular co obxectivo de contribuír á recuperación do Casco Vello con máis contido e máis diversificado. O ente provincial ampliará a presenza administrativa na zona vella e actuará como "promotor" da cultura, acollendo nas súas instalacións exposicións anuais de fotografía.

A Xunta de Goberno Local deu o visto bo este xoves ao proxecto de convenio coa Deputación Provincial de Pontevedra para a cesión do edificio municipal da rúa Alta esquina coa rúa Chao e a extinción do dereito de uso sobre o edificio do número 3 da rúa Oporto, detrás do antigo reitorado, que pasará a usar Zona Franca logo da súa compra ao Concello. A Deputación executará e custeará as obras necesarias para adecuar o uso do edificio e asume tamén os seus gastos ordinarios.

Axudas ás empresas
O goberno vigués tamén deu luz verde este xoves á concesión de 70.000 euros do programa de Axudas municipais á creación de empresas correspondente ao presente ano. Por concorrencia competitiva, 31 entidades resultaron beneficiarias.

As achegas procuran subvencionar parte dos gastos de posta en marcha e funcionamento das empresas nos seus primeiros meses de actividade, cun importe máximo de 3.000 euros, explicou Caballero.

Voluntariado
Na mesma rolda de prensa, o alcalde informou da celebración hoxe do Día Internacional do Voluntariado por parte do Concello de Vigo, a través dunha ruta cultural.

Unhas 2.500 persoas están rexistradas na oficina municipal e realizan traballos de acompañamento a maiores, menores e persoas con discapacidade, apoio escolar, dereitos humanos, inmigración, educación, muller, apoio aos obradoiros que realizan outras entidades, voluntariado cultural e actividades de defensa da natureza. Abel Caballero louvou e agradeceu a función dos voluntarios.