Escoitar

O Concello imparte un obradoiro de igualdade a alumnado de 21 centros educativos

O alcalde asistiu á apertura do taller "Mozas e mozos cambiando estereotipos" no que participan 354 estudantes de ESO, Bacharelato e FP. O goberno municipal desenvolve ademais outros programas de igualdade dirixidos a estudantes, profesorado e, especificamente, a mulleres.

luns, 28 out 2019
1572270025281019Igualdade_01.JPG
O Concello ten en marcha varios programas de igualdade cun "número singular de actividades" como o obradoiro que deu comezo este luns no Auditorio Municipal baixo o lema ""Mozas e mozos cambiando estereotipos", que está dirixido a alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de 21 centros educativos da cidade.

O alcalde saudou aos 354 estudantes que acudiron nesta xornada na que traballarán diferentes contidos entre os que figuran os estereotipos e roles de xénero, a violencia simbólica, o ciberacoso, control e ciberviolencia en redes, as violencias sexuais e o empoderamento.

Abel Caballero deu conta tamén doutros programas municipais en materia de igualdade como a cesión a 15 centros educativos da exposición itinerante "A violencia sexual na mocidade. Infórmate!", dirixida ao alumnado de secundaria con 10 paneis informativos que abordan que é a violencia sexual e que estará a disposición de centros de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Para escolares de Educación Infantil e Primaria de centros públicos da cidade, o Concello desenvolve o programa "Camiña con nós pola Igualdade" con talleres temáticos que queren fomentar a educación en igualdade de oportunidades entre nenas e nenos.

Amais, o goberno municipal ten en marcha tamén o "Obradoiro de Autoprotección para mulleres", que oferta 16 prazas para as maiores de 18 anos empadroadas en Vigo e que lles proporciona coñecemento e habilidades básicas de autoprotección para mellorar a súa seguridade persoal e que, en palabras do rexedor, "ten moito éxito e demanda".

Por último, Caballero salientou as "Xornadas Co-educa: Coeducación para previr a violencia de xénero e para a promoción dunha cultura en igualdade" que se celebra no Auditorio Mar de Vigo o 6 e 7 de novembro. Dirixidas a profesorado e comunidade educativa buscan fomentar a coeducación para previr a violencia de xénero.
Descargar todas as imaxes