Escoitar

O Auditorio Municipal acolle a cuarta edición do Festival de Arte e Discapacidade

O alcalde de Vigo animou este luns a acudir ao Auditorio Municipal para asistir ao IV Festival de Arte e Discapacidade que organizan a Fundación Igual Arte e o Concello. A presidenta de Igualarte, Cristina Lago, destacou que se incorporan este ano disciplinas como danza e fotografía.

luns, 7 out 2019
1570451678071019Igualarte.JPG
Abel Caballero foi o encargado de presentar este luns a cuarta edición de Festival de Arte e Discapacidade que organiza a Fundación Igual Arte coa colaboración do Concello de Vigo entre o 8 e 10 de outubro no Auditorio Municipal. A presidenta da fundación, Cristina Lago, destacou durante a rolda de prensa que se trata dunha experiencia pioneira no territorio español.

"Estamos ante un evento cultural e solidario excepcional, de longo percorrido, e quero invitar á cidade que se achegue ao Auditorio Municipal entre este martes e o xoves", sinalou o alcalde de Vigo. Pola súa banda, a presidenta de Igualarte asegurou sentirse "orgullosa por vivir nunha cidade que cada vez aposta máis e máis pola inclusión e pola pluralidade".

O IV Festival de Arte e Discapacidade comezará este martes, 8 de outubro, con "Dúo Acrobático", que representará "Descubríndonos", e coa Compañía de Danza da Fundación Igual Arte e a súa produción "Procura de visión" (20:15). A segunda xornada permitirá asistir á proposta do artista Jonas Desquay, da École de Cirque de Bruxelles, e posteriormente subirán ao escenario do Auditorio Municipal as compañías Media Punta, Conservatorio Mayeusis, Dance Academy e un dúo de danza que representará a peza "Breviario Dispersivo".

O xoves será o momento da segunda función do belga Jonas Desquay e de Danzass, que presentará "Vestixio", mentres que a Asociación MeetShareDance representará "Sapere Aude". O festival acollerá a exposición de fotografía "Corpo e movemento" coas imaxes de Aitor Rivera, Gonzalo Gómez, Vanesa Lea, Pilar Rego, Laura Faro e Laura Rivas. Ademais, estarán as dúas finalistas na categoría de "Fotografía", Patricia Rodríguez con "Pantasma" e Vanesa Gómez con "Facendo deporte ao aire libre".

"Veñen persoas de de todo o territorio español e tamén quixemos que estiveran presentes compañías de danza da cidade, como Mayeusis e Media Punta, pero tamén de fóra. Estamos moi contentos, é unha experiencia pioneira no territorio español, ogallá Vigo sexa capital de estes encontros culturais", destacou Cristina Lago.
Descargar todas as imaxes