O grupo Tinta gaña o concurso musical "Vigo en Vivo"

Convocado polo Concello co fin de fomentar a creación musical, o certame celebrou o pasado sábado a súa gala final na Praza da Constitución.

luns, 7 out 2019
O grupo Tinta foi o gañador do concurso "Vigo en Vivo", celebrado durante o mes de setembro e coa gala final o pasado sábado na Praza da Constitución. A banda Marlow foi segunda, mentres que Tai G levouse o terceiro premio.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns en rolda de prensa o resultado do concurso "Vigo en Vivo". O Concello de Vigo pechou así o novo certame musical que acolleu actuacións dun total de 14 grupos locais no Casco Vello.

O obxectivo do concurso foi fomentar a creación musical e premiar o espírito creativo por parte de bandas sen disco propio e sen espazos. A votación popular realizouse na páxina web vigosonico.org; os votos dos usuarios valen un 50% e o outro 50% resulta dun xurado conformado por persoas recoñecidas profesionalmente dentro do mundo da música.

Nos concertos celebrados durante a primeira fase do concurso "Vigo en Vivo" participaron os seguintes grupos: Rusty Bones, Tai G, María Canosa, Tinta, Lyer & Dj Mirage, Dioivo, Durplefly, Blue Sunflowers, Marlowe, Ronseya, Grupo NÓS, Ensamble Verxel, Keren Hapuc e Ash Santos.

O Concello concedeu tres premios aos gañadores. O primeiro premio permitirá gravar 3 maquetas en Vigosónico e realizar un videoclip do tema que elixan; o segundo premio é a gravación de dúas maquetas en Vigosónico e o terceiro a gravación dunha maqueta en Vigosónico.