Escoitar

Vigo pide ao Goberno galego unha liña de axudas para a innovación empresarial

O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este mércores unha moción do grupo socialista reclamando á Xunta de Galicia que cree unha liña de axudas económicas para as empresas industriais que realizan proxectos de innovación. A proposta saíu adiante cos votos do PSOE e a abstención de PP, Marea e BNG.

mércores, 25 set 2019
O Pleno Municipal de Vigo aprobou este mércores na súa sesión ordinaria de setembro unha moción do grupo socialista na que se insta á Xunta de Galicia a crear unha liña de axudas económicas para as empresas industriais (naval, automoción, pesca, telecomunicacións, etc.) que realizan proxectos de innovación.

"Somos líderes en construción naval ou en poñer en órbita satélites, pero isto choca coa realidade das empresas que solicitan axudas para adaptar as súas cadeas de produción aos novos retos e non son recibidas ou non se teñen en conta as súas propostas para facer de Vigo e de Galicia un referente industrial en innovación e en adaptación ás necesidades da evolución tecnolóxicas", afirmou o concelleiro Xaime Aneiros durante a defensa da súa moción.

Tanto o BNG como Marea de Vigo, a través dos seus concelleiros Xabier Igrexas e Rubén Pérez, lamentaron a falta de apoio aos traballadores do estaleiro Vulcano, mentres que Alfonso Marnotes, do grupo municipal do PP, aseguro que xa existen axudas a través do Igape e que o goberno local podería tomar medidas de apoio ás empresas creando solo industrial ou bonificando as taxas municipais.

A moción saíu adiante cos votos a favor do PSOE e abstención de PP, Marea e BNG.