Escoitar

A Corporación da o visto e prace á actualización das ordenanzas fiscais

A Corporación Municipal de Vigo aprobou este mércores na sesión plenaria a actualización das ordenanzas fiscais para o exercicio 2020. "Estamos ante un sistema fiscal municipal xusto", defendeu o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros.

mércores, 4 set 2019
O Pleno Municipal deu este mércores o visto e prace á actualización dun total de 19 ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio 2020. O edil de Facenda, Jaime Aneiros, recordou que non se actualizan desde 2017, e explicou que para o próximo non se aplicará o IPC acumulado, co que se rebaixa a carga impositiva real dos vigueses e viguesas.

"Vigo continuará con débeda cero e coa menor presión fiscal das cidades galegas, estamos ante un sistema fiscal municipal xuto", detallou Aneiros antes de sinalar que o IPC acumulado ascende ao 2,8% pero o goberno vigués aplicará un 2,5% en taxas e impostos, coas excepcións do IBI, no que se aplica un 1%, e dos pagos de construcións, plusvalía, circulación para motocicletas e a auga, que non variarán con respecto ao presente ano.

Ámbito de Cruceiro
Por outra banda, o Pleno aprobou tamén o estudo específico da situación derivada da anulación do instrumento de ordenación para o ámbito de Cruceiro. A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou que xa hai informes favorable da Xunta -urbanístico e ambiental vinculantes- para tramitalo coa avaliación ambiental simplificada e permitir materializar 40.887 m2 de uso terciario.