Escoitar

"Xa non hai problema de edificación en Vigo, o mércores queda resolto"

Segundo informou Abel Caballero, o mércores celebrarase o Pleno extraordinario de aprobación da ordenación provisional, que devolve a capacidade de edificar a 48.000 parcelas. En total, será posible construír no 38% da cidade, explicou o alcalde, quen valorou que o goberno de Vigo desbloquea "toda a edificabilidade que Vigo vai ter nos próximos vinte anos"

luns, 22 xul 2019
1563800670iop.jpg
O rexedor vigués anunciou esta mañá que o mércores terá lugar a sesión extraordinaria do Pleno da Corporación para a aprobación do instrumento de ordenación provisional, unha ferramenta que fai posible devolver a edificabilidade que tiñan case que 50.000 propietarios no anulado PXOM de 2008.

A norma urbanística entrará en vigor unha vez ratificada polos concelleiros e concelleiras da Corporación, logo de que a Xerencia de Urbanismo o aprobase o pasado venres, pese a negativa de BNG e Marea, que votaron en contra.

Abel Caballero puxo en valor a "gran importancia" dunha ordenación provisional que afecta a 23 millóns de metros cadrados de solo, aproximadamente o 24% do termo municipal. Unidos aos espazos onde xa é posible construír (Casco Vello, Bouzas, ensanche...), desde o mércores será posible solicitar unha licenza no 38% do solo de Vigo: "Toda a edificabilidade que Vigo vai ter nos próximos vinte anos".

"Xa non hai un problema en Vigo de dificultade de edificación, o mércores queda resolto", expuxo o alcalde en rolda de prensa. Abel Caballero citou algúns espazos aos que dará cobertura a ordenación provisional, como é o caso da bancada de Marcador, no estadio de Balaídos, que recupera a cabida urbanística que tiña no Plan Xeral de 2008 anulado por sentenza xudicial. Tamén afecta aos ámbitos de Esturáns, Cordelerías MAR e Tomás Paredes, enumerou Caballero, quen recordou que as promocións inmobiliarias teñen que reservar unha porcentaxe para vivenda de protección oficial.
Descargar todas as imaxes