Escoitar

O Concello pide "solución" á Xunta ante a falta de prazas en residencias para maiores

Carlos Font explicou que o ratio en Galicia é dunha praza en residencia pública por cada 85 maiores, mentres que na área de Vigo é un 23,5% superior: unha vacante por cada 105 potenciais usuarios. O concelleiro denunciou a "falta de atención" da Xunta de Galicia e demandou solucións ao goberno autonómico.

venres, 19 xul 2019
O voceiro e edil municipal indicou que na área de Vigo existen 2.080 prazas en residencias para maiores, das que só o 29%, 604, son públicas. Engadiu Carlos Font que o ratio en Galicia é dunha vacante pública por cada 85 potenciais usuarios, cifra que aquí ascende a unha praza por cada 105 maiores, un dato "absolutamente dramático" que responde á "falta de atención" da Xunta de Galicia na cidade.

Font recordou que a atención ás persoas maiores é unha competencia da Xunta de Galicia, que ten que tomalo "en serio" e dar unha "solución" ao problema para que os ratios se equilibren á media galega. O concelleiro concluíu que a "falta de atención por parte da Xunta de Galicia é total, como amosan os datos".